San Xoán de Río avanza en capacitación tecnolóxica da man da Fundación Orange

luns, 3 de novembro do 2025 Redacción

A Fundación Orange impulsará a partir de novembro novos cursos de capacitación tecnolóxica no Concello de San Xoán de Río, dentro do programa Todo por Aprender: Reto Rural Digital. A iniciativa, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, está financiada pola Unión Europea e coordinada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
O proxecto ten como obxectivo formar máis de 7.300 persoas en toda España en competencias dixitais básicas e avanzadas, con especial atención aos colectivos do entorno rural. No caso de San Xoán de Río, as accións formativas centraranse en mozos desempregados que busquen mellorar as súas oportunidades laborais e de aprendizaxe en intelixencia artificial, en persoas maiores interesadas en reforzar o uso seguro do teléfono intelixente e das aplicacións cotiás, e en veciños que desexen adquirir novas competencias dixitais.
Os cursos, de carácter gratuíto e presencial, desenvolveranse nas instalacións municipais do Centro de Teletraballo e do Salón de Plenos a partir de novembro. As inscricións poderán realizarse directamente no Concello, que anunciará proximamente as datas e prazas dispoñibles.
O director de Sustentabilidade e Fundacións de MasOrange, Daniel Morales, explicou que o programa busca «axudar a todas as persoas das pequenas poboacións da nosa España rural a superar as súas barreiras tecnolóxicas, fomentando a autonomía, a conexión e a confianza ante o descoñecido». Engadiu que a Fundación Orange pon ao servizo dos participantes a súa experiencia educativa e o seu compromiso coa transformación dixital, con contidos adaptados á realidade cotiá de cada colectivo e orientados a mellorar a calidade de vida e a empregabilidade.
Pola súa parte, o alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, salientou que «seguimos loitando contra a fenda dixital e este tipo de formacións axudan a mellorar os servizos e a calidade de vida da xente que vivimos no rural».
Esta acción é posible grazas á integración de San Xoán de Río na Rede Nacional de Pobos Acolledores, da que é o único municipio galego membro. Esta pertenza permítelle participar en proxectos innovadores que fortalecen a nova ruralidade e promoven a inclusión dixital. Con este programa, o concello dá un novo paso na súa estratexia de capacitación tecnolóxica e transformación dixital, consolidándose como un referente de innovación rural na provincia de Ourense.
O programa Reto Rural Digital ofrece itinerarios formativos adaptados a distintos niveis de coñecemento, combinando sesións básicas sobre uso do teléfono intelixente, seguridade dixital ou identificación de falsidades, con outras máis avanzadas dedicadas ao uso responsable da tecnoloxía, a identidade dixital e a aplicación práctica da intelixencia artificial. A Fundación Orange completará esta oferta con ata doce obradoiros temáticos sobre competencias dixitais cotiás (como banca en liña, redes sociais ou creación de contidos) e cun curso en liña titulado Activa o teu Plan IA para atopar traballo, destinado a mozos e persoas desempregadas que queiran mellorar a súa empregabilidade mediante a intelixencia artificial.