Santiago acollerá en xaneiro un seminario para achegar o deseño innovador ás nosas PEME

mércores, 28 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das actividades previas sobre deseño e creatividade desenvolvidas pola DAG

A Asociación Galega de Deseñadores (DAG), en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e máis a empresa estatal ENISA, vai organizar na nosa terra un seminario dirixido a tomarlle o pulso á creatividade dixital, sobre todo a que se aplica no eido corporativo, e aos novos camiños polos que todo indica que se moverá a curto, medio e longo prazo. O evento, chamado (R)evolution Design, ten unha duración de 16 horas lectivas e está dirixido a tódalas persoas interesadas en crear actividade en calquera ámbito do deseño gráfico e dixital.
Desenvolverase en dúas xornadas, o 13 e o 14 de xaneiro de 2012, na Galería Sargadelos de Santiago e en horario de 10.00 a 14 horas polas mañás e de 16.30 a 20.30 polas tardes.
A inscrición, informa a DAG, é de balde, estando o prazo para apuntármonos (a través de info@asociaciondag.org) aberto até o 4 de xaneiro. Os obxectivos do evento pasan por axudar ás nosas medianas e pequenas empresas a integrar no seu seo novos sistemas e produtos de xestión e deseño innovador. En concreto, engade a DAG, o seminario permitiralles o seguinte:
· Descubrir dun modo práctico ferramentas básicas para a innovación empresarial, como o modelo canvas ou o design thinking.
· Coñecer casos de éxito no mundo do deseño.
· Propiciar o traballo colaborativo.
· Presentar o programa formativo EOI/ENISA para o mundo do deseño.

Venres, 13 de xaneiro
Mañá
10.00 - 11.00 h: Benvida e presentación, por Marcos Dopico, presidente da DAG, e Juan Freire, de Barrabés Formación
11.00 - 12.00 h: A realidade do deseño en Galicia e o proxecto acción DAG, por Marcos Dopico, presidente da DAG
12.00 - 12.15 h: Descanso
12.15 - 13.15 h: O proxecto Miúdo, por Anxo López González
13.15 - 14.00 h: DESEÑO e modelos de negocio. Charla. Juan Freire, de Barrabés Formación
Tarde
16.30 – 20.30 h: Activa a túa innovación. Obradoiro. Presentaranse conceptos, metodoloxías e exemplos que inspiran, con moitos exercicios prácticos para que os participantes traballen o seu respectivo modelo de negocio. Impartido por Azucena Elbaile, de Barrabés Formación
Sábado, 14 de xaneiro
Mañá
10.00 - 14.00 h: Deseño para a resolución creativa de problemas. Obradoiro. Traballo en pequenos grupos no desenvolvemento dun proxecto de innovación mediante o traballo en equipo e a cocreación. Impartido por Rafael Zaragozá de Thinkers & Co.
Tarde
16.30 - 20.30 h: Deseño para a resolución creativa de problemas. Obradoiro (continuación)

PUBLICIDADE