Santiago asina un convenio con Vodafone para o control da xestión dos refugallos

martes, 7 de abril do 2015 Redacción

O Concello de Santiago anunciou os días pasados a sinatura dun convenio coa empresa de telefonía Vodafone de cara á realización dunha proba piloto no eido da xestión de residuos. O dito proxecto, inserido na plataforma Vodafone Cidade Conectada, achega ás cidades o desenvolvemento de servizos intelixentes que aumentan a eficiencia, a xestión e a habitabilidade das mesmas. O acordo foi subscrito polo alcalde, Agustín Hernández, e polo director en Galicia de Vodafone, Miguel Fernández Ares.
Con esta idea, sinalouse, preténdese dotar de aparellos de medida a certos colectores de refugallos da cidade, que estarán conectados vía radio coa plataforma intelixente de Vodafone. Esta plataforma conta cun Centro Intelixente de Operacións (IOC), que permite facer seguimento e xestionar os servizos e sistemas urbanos dun xeito máis intelixente grazas a unha visión única e centralizada das operacións e a unha gran capacidade analítica.
E que se persegue con este acordo? Pois segundo explicaron “mellorar o coñecemento de xestión de residuos da cidade así como controlar a calidade do servizo de recollida selectiva de aqueles”. Asemade, este dispositivo posibilitaría a execución de medidas encamiñadas a facela máis eficiente, de maneira que redundaría nunha mellora da calidade de vida dos seus cidadáns e un incremento da sustentabilidade do sistema.
O proxecto botará a andar mediante a escolla dunha serie de colectores de residuos de recollida selectiva, tanto de papel e cartón coma de vidro. Nestes colectores instalarase un sensor volumétrico, que conterá unha SIM de Vodafone, e permitirá coñecer a posición dos colectores na cidade, un seguimento en tempo real da enchedura dos mesmos e amosará de maneira visual cando está cheo ao 80%.
Por último, dicir que esta medida forma parte das propostas de Cidade Intelixente nas que se está a traballar en Compostela, cunha duración inicial de 10 meses que podería ser prorrogable. De feito, forma parte do proxecto Smart iAgo, onde a xestión de RSU (Residuos Sólidos Urbanos) é un dos alicerces. Amais, o Concello está traballando nun prego que incluiría como novidade a modalidade de Compra Pública Innovadora.