Santiago gozará dunha xestión contable cen por cen electrónica
mércores, 22 de febreiro do 2023
O
Concello de Santiago implantará nos vindeiros meses unha nova
aplicación informática que permitirá, en palabras da concelleira
de Facenda, Marta Abal, “unha xestión integral de facturas desde o
momento da súa presentación ata o seu pagamento, evitando a xestión
manual”. Esta nova solución web fará posible, tamén, coñecer
en todo momento a situación na que se atopa a factura e a
integración desta xestión con outros procesos administrativos.
Para
dar forma á aplicación, a xunta de Goberno local aprobou a
adxudicación dun contrato á empresa Aytos Soluciones Informáticas
SL por un importe total de 129.808,80 € para “o subministro e
implantación dunha solución web integrada para a xestión de
facturas e a aplicación de xestión contable do Concello de
Santiago”, que estarán localizadas nun único servidor.
En
termos máis concretos, a aplicación Firmadoc permitirá implantar
un proceso electrónico integral de xestión das facturas desde a súa
entrada no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da
Administración General del Estado (FACE) ata o seu pagamento,
evitando a xestión manual, permitindo o rexistro da rastrexabilidade
e posibilitando a integración con outros procesos administrativos.
Como
dixemos, a ferramenta tamén posibilitará consultar en todo momento
á situación real dunha factura “nun só clic” e optimizar os
tempos medios na execución das tarefas, detectando atrancos na
tramitación. Esta mellora, explicaron fontes do Concello, “virá
reforzada por un sistema visual de alertas dos prazos legais de
tramitación e a posibilidade de establecer criterios de priorización
na tramitación das facturas segundo data de vencemento, prazos de
tramitación, urxencia, etc”.
A
concelleira de Facenda e Modernización da Administración Local,
Marta Abal, salientou que a implementación desta solución "é
unha gran materia pendente no Concello" e fará realidade
"mellorar a eficacia e a eficiencia na tramitación das
facturas, e detectar os colos de botella". Ademais, "desde
o punto de vista externo, melloraremos na transparencia, xa que os
provedores poderán saber en cada momento a situación exacta na que
se atopa cada unha das súas facturas".
