Santiago organiza nos centros sociais un obradoiro de reacondicionamento de computadores refugados

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

O Concello de Santiago e a firma Teimas, a través da iniciativa Tropa Verde, van organizar un obradoiro para promover as segundas e terceiras vidas dos computadores refugados. O taller, que se sitúa na campaña Longa vida aos teus residuos tecnolóxicos, foi convocado con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, unha iniciativa cuxo obxectivo é promover a sensibilización sobre recursos sustentábeis e xestión de refugallos. Segundo informa o Concello, a raizame do obradoiro está na necesidade de contribuír a poñer o freo sobre o escaso nivel de sustentabilidade, en liñas xerais, do mercado tecnolóxico, un dos ámbitos produtivos onde máis se fomenta o consumo e o reemprazo prematuro de aparellos perfectamente operativos por outros novos. “Só en España”, lembran dende Tropa Verde, “xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos das cales apenas un terzo destas xestiónanse de maneira axeitada”.
O obradoiro realizarase en dous centros socioculturais da cidade de Compostela. O obxectivo principal é “que os asistentes tomen conciencia do importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de material desbotado e ensinarlles a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos”. Segundo engaden o Concello e Teimas, o reacondicionamiento dun equipo informático completo permite un aforro de emisións de CO2 á atmosfera equivalente ao dun vehículo para percorrer 1600 quilómetros.
Ao abeiro do obradoiro realizarase un caso práctico de reutilización dun computador, mostrándolles aos participantes como abrir a carcasa, os principais compoñentes que se poden cambiar (RAM , disco duro), o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo. Esta iniciativa lévase a cabo grazas a colaboración do Concello de Santiago de Compostela coas empresa Teimas Desenvolvemento, Revetia e Recyclia. Celebrarase o 23 de novembro, en horario de 17:30 a 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite; e o mesmo día, con horario de 19:30 a 21:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche.

PUBLICIDADE