Scio IT achega unha innovadora plataforma para simplificar a xestión de inmóbeis: GEMA FM

luns, 10 de outubro do 2016 Redacción

A empresa tecnolóxica galega Scio IT (SCIO Innovation Technologies) achega dende hai máis dunha década (dende A Coruña) importantes desenvolvementos e solucións baseadas nas máis avanzadas tecnoloxías da información. Sen ir máis lonxe, é unha das impulsoras dunha iniciativa da que falamos recentemente en Código Cero, o proxecto Smarnet, que se dirixe a modernizar ao máximo a nosa pesca, engadindo de xeito natural metodoloxías smart e dando forma a unha plataforma de servizos orientada ás actividades produtivas do noso litoral. Entre o amplo catálogo de tecnoloxías e servizos de Scio IT atópase tamén a ferramenta GEMA Facility Management, encamiñada a simplificar a xestión e o mantemento de inmóbeis (permitindo aforros importantes de tempo e diñeiro e apostando por facelo de maneira “sinxela e intuitiva”). A plataforma, nun plano máis detallado, contribúe a normalizar os procesos e comunicacións e garante a calidade dos servizos inmobiliarios prestados.
Entre as vantaxes de empregar GEMA FM atópanse as seguintes: é accesíbel (permitindo obter todo o rendemento de seu dende calquera emprazamento), é multiplataforma (é posíbel empregar GEMA FM a través de calquera dispositivo, dende PC a dispositivos intelixentes pasando por tabletas), é adaptábel e evolucionábel (a plataforma está deseñada de maneira modular, permitindo que cada módulo traballe de maneira independente e relacionada), é sinxelo (en palabras de Scio IT “pon as máis modernas tecnolóxicas ao servizo da sinxeleza e da produtividade”) e é seguro (cada usuario só accede á información relativa ao seu perfil e función). Ademais, salienta por ter ás súas costas un servizo de atención personalizada, técnico, con amplitude de horarios e sen tempos de espera.
Segundo informa Scio IT, GEMA permite detectar e cubrir novas necesidades de servizos, adaptando a contorna de traballo á nova situación e incrementando ao mesmo tempo a satisfacción dos empregados da organización, que son agora tratados como clientes internos. Ademais, engade a empresa, “resulta decisivo sobre o que é o segundo apartado de custos das empresas, polo que a súa implantación non só mellora a xestión, senón que xera aforros que poden alcanzar máis dun 20%”.
A finalidade de GEMA, conclúe Scio IT, “é achegar unhas funcionalidades que ofrezan un servizo axeitado e satisfactorio aos usuarios, e á vez proporcionar un significativo aforro de tempo e diñeiro ás organizacións”.

PUBLICIDADE