As operacións policiais contra SeriesPepito e PelículasPepito, e a proximidade da entrada en vigor da reforma da Lei de Propiedade Intelectual (LPI) están a provocar reaccións dentro de numerosas páxinas web de descargas de contidos a través da Rede, destacando especialmente desta volta que unha das que decidise adoptar medidas urxentes fose unha das máis importantes, Series.ly, que anunciou aos seus usuarios que vai transformarse para respectar a nova lexislación antes da súa entrada en vigor, pese a que consideren que o novo texto só demostra “o descoñecemento da Internet” dos responsables da súa redacción por criminalizar as ligazóns, que son unha parte fundamental da Rede.
Dende Series.ly anuncian que retirarán as ligazóns nos seus servizo que infrinxan a nova lei, aínda que continuará a funcionar como unha plataforma para axudar aos seus usuarios a organizar os seus contidos favoritos, ler as mellores críticas doutros usuarios, recomendar contidos aos amigos e acceder a todo o que a lei non prohiba, para o que intentarán subministrar as ferramentas máis doadas para iso.
Pero este anuncio de Series.ly non se limita a manifestar o seu respecto á Lei, senón que tamén aproveitan a ocasión para dar conta dos cambios no consumo de contidos audiovisuais na Internet a través dun informe no que destacan que o 42% dos usuarios consideran que as series e as películas deberían poder verse a través da Internet de balde (incluíndo publicidade), mentres que só o 17% considera como mellor opción a subscrición con pagamento mensual por acceder aos contidos. Pero dende o informe tamén denuncian que só o 40% dos capítulos das series máis demandadas polo consumidores están a distribuírse pola industria audiovisual en España, e como exemplo dan conta de que a serie máis seguida polos usuarios de Series.ly, Juego de Tronos, só está dispoñible legalmente a través de Yomvi, servizo que só conta cos últimos 5 capítulos da cuarta tempada, o que está moi lonxe da demanda do público.
Dende Series.ly sosteñen que a reforma da LPI non vai solucionar os problemas da industria audiovisual sobre o consumo de contidos a través da Internet, pois agora é preciso que a Industria e a Administración establezan un diálogo tamén co consumidor, que se non pode atopar os contidos que desexa polas canles tradicionais buscará plataformas alternativas.
Series.ly transformarase para respectar a nova Lei de Propiedade Intelectual
Compartir Este Artigo
