Sila Games pecha a súa primeira rolda de investimento por valor de 225.000 euros

xoves, 20 de outubro do 2016 Redacción

Sila Games, a startup de venda de videoxogos dixitais, fundada en 2013 polo galego Francisco Mosquera e Óscar Mas, conseguiu reunir o apoio do fondo de investimento público Xesgalicia e de entidades privadas entre as que se atopan Optare Ventures, UpInver, Briboms Inversiones e un grupo de investidores privados de Vigo e Madrid.
Esta primeira rolda de investimento por valor de 225.000 euros destinarase a desenvolver e implantar no mercado dos videoxogos o modelo de tarifa plana, de xeito que os usuarios poderán dispoñer sen límites dun catálogo de xogos de primeiro nivel a cambio dun pagamento mensual.
O lanzamento do modelo de subscrición permitiralles crecer cun modelo de negocio disruptivo, así como medrar internacionalmente.
Outro dos obxectivos para cumprir que lles permite esta rolda de financiamento é ultimar o desenvolvemento dun portal para entrar no potente e cada vez máis grande mercado dos eSports, que move anualmente máis de 18 mil millóns de euros.
Actualmente a empresa conta cuns niveis de facturación próximos aos 100.000 euros, vendendo máis de 8.000 xogos en 74 países en 3 divisas, presumindo de innovacións como unha tenda de realidade virtual.

PUBLICIDADE