Suicide Squad: Kill The Justice League retira temporalmente o seu acceso anticipado

luns, 29 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O xogo do Escuadrón Suicida está a afrontar máis problemas do esperado, xa que despois dun importante adiamento (estaba previsto para 2022) e unha reacción moi negativa do público ao comprobar que se trataría dun xogo como servizo en vez dunha aventura como era habitual nos xogos de Rocksteady, temos agora que os usuarios que reservaron a edición de luxo de Suicide Squad: Kill The Justice League apenas puideron gozar do acceso anticipado ao xogo durante unha hora, tras o que tiveron que retiralo varias horas para corrixir un serio fallo.
O problema que apareceu para os primeiros xogadores con dereito a xogar con 72 horas de antelación ao lanzamento deste título é que, tras identificarse por primeira vez, o xogo marcábase como completado, o que impedía o acceso as misións da historia (incluíndo os titoriais), facía imposible conseguir trofeos e logros e, basicamente era basicamente inxogable.
Por sorte, este fallo apareceu durante o acceso anticipado, e cando practicamente se limitara a apertura de servidores aos usuarios dos nosos antípodas, polo que os usuarios europeos e estadounidenses non chegaron a padecer este serio bug, pero esta situación está a prender todas as alertas sobre a posibilidade de que o xogo teña máis problemas do habitual, temendo que se repita algo semellante ao que aconteceu co desastroso lanzamento de Cyberpunk 2099.
Para España o acceso anticipado para PlayStation 5 e Xbox Series X|S está fixado neste martes ás 0:00, mentres que a versión para PC farase agardar até as 19:00. Haberá que ver se cumpren o previsto, e conseguen que o público dea unha oportunidade a un título con tantas incógnitas.

Tráiler de lanzamento de Suicide Squad: Kill The Justice League

PUBLICIDADE