Suprime o Control achega obradoiros, concursos e un servizo de asesoría por Whatsapp

luns, 18 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A violencia machista, como boa parte dos problemas máis graves que nos afectan, pode ter boa parte do seu remedio na educación, na concienciación e na sensibilización, e todo dende as idades máis temperás. Esta é a fórmula da páxina web Suprime o Control, que impulsa a Deputación da Coruña e que estes días colleu novos azos coa ampliación do programa Suprime o Control. As novas actividades foron presentadas pola responsábel da área de Benestar Social e Igualdade da entidade provincial, Ánxela Franco. Haberá obradoiros (en once centros de ensino de Ferrol, Eume e Ortegal) e un certame de microrrelatos. Amais, poténciase o servizo de asesoramento por WhastApp.
As actividades desenvolveranse no IES Cabo Ortegal, IES de Ortigueira, CPI DE Atios, CPI San Sadurniño, IES de Mugardos, IES As Mirandas, CPI A Xunqueira, IES de Fene, IES Fernando Esquío, CPI Virxe da Cela, IES Punta Candieira. Segundo fixo saber Franco, nos obradoiros, que constan de tres sesións, trabállanse contidos relacionados coas relacións afectivo sexuais como as actitudes e condutas de control e aquelas formas de violencia de xénero máis sutís como os micromachismos, o papel das novas tecnoloxías nas relacións entre iguais, a diversidade afectivo sexual, a resolución de conflitos pacífica, os diferentes tipos de violencia sexual, os mitos do amor romántico e a influencia dos medios de comunicación na súa reprodución, etc.
Estas accións enmárcanse na terceira edición de Suprime o Control, un programa quen pon o foco na educación en igualdade e na prevención de condutas machistas no ámbito educativo, ademais de fomentar a igualdade entre rapazas e rapaces. Un total de 680 alumnas e alumnos dos 11 centros educativos participan nesta nova fase do programa.
Amais dos obradoiros devanditos, a nova edición de Suprime o Control incorpora outras actividades de interese, como un concurso de microrrelatos (que premiará a mellor contribución coa súa adaptación a formato audiovisual) ou un servizo de asesoría por Whatsapp, que está en activo dende comezos de curso e que permite aos rapaces e rapazas resolver anonimamente e con total privacidade as súas dúbidas sobre a devandita problemática e faceren consultas sobre violencia de xénero ou sobre o programa Suprime o Control.
De cara aos meses de abril e maio organizaranse encontros coas familias en cada un dos centros participantes.
O programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero Suprime o Control da Deputación da Coruña ten por obxecto ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado, ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou produtos audiovisuais.
Todas as novidades e calendarios das diferentes actividades de Suprime o Control, poden consultarse na web propia do programa.

PUBLICIDADE