Symantec advirte sobre novos fallos de seguridade en produtos de Microsoft
martes, 4 de setembro do 2007
O caso non é novo nin moito menos. Semella que
as carencias en termos de seguridade están á orde do día, e o maior fabricante
de software non se dá situado como excepción. A firma responsable do Norton
Antivirus, Symantec, vén de dar a alerta por problemas “críticos” na seguridade
en varios dos programas máis estendidos da fábrica de Bill Gates, entre os que
se inclúen tanto sistemas operativos como programas considerados básicos, na
liña do Internet Explorer ou o Office.
Segundo un artigo publicado nun xornal
electrónico, “os usuarios empresariais”
poderían ser “susceptibles a ataques” con só visitar unha
páxina web considerada “maliciosa” e
polo visto o problema estaría na “vulnerabilidade” da biblioteca dos motores de interpretación de
gráficos Microsoft Windows GDI, que pode ser activada por un metarquivo
malicioso de Windows (WMF). Noutros termos: abonda con que visitemos unha
páxina na que alguén tivera posto un programa destas características para que
outra persoa poida tomar o control dos nosos ordenadores.
Os fallos reciben o cualificativo de “críticos” porque, amais de ser invisibles para o usuario, afectan a unha gran cantidade de plataformas, entre as que se inclúen os sistemas Windows 2000, Windows XP, Server 2003, Vista, Microsoft Office 2003, Office 2007, Office SharePoint Server e Office Groove Server 2007.