TICgal participa no Congreso de Goberno Dixital de Cataluña
xoves, 27 de marzo do 2025
O Centro de Convencións Internacional de Barcelona (CCIB) converteuse no epicentro da innovación dixital na Administración Pública os días 12 e 13 de marzo, coa celebración da quinta edición do Congrés Govern Dixital 2025 (Congreso do Goberno Dixital 2025) ou CGD2025 polas súas siglas. Durante este congreso de carácter cuatrienal, reuníronse expertos para discutir sobre o futuro da transformación dixital do sector público baixo o lema A revolución dos gobernos intelixentes: inclusividade, proactividade e sustentabilidade. Neste marco, a firma galega TICgal, socia platino de GLPI Network, representou o noso tecido tecnolóxico. Asistiu xunto con outras empresas elixidas polo Consorcio AOC polos seus “éxitos comprobados”.
TICgal deu conta das súas solucións. Por exemplo na presentación do caso de éxito da Diputació de Lleida, realizada en colaboración con Jordi Gervàs, xefe de Calidade, Soporte e Innovación. Durante a charla, titulada Se algo non funciona no teu computador, a quen vas chamar? 15 anos de GLPI na Diputació de Lleida, os relatores destacaron o papel crucial de GLPI na navegación de situacións informáticas complexas.
A pontevedresa TICgal destacou como a única representante de Galicia entre os principais actores do sector, presentando a súa experiencia e solucións innovadoras para a xestión de servizos de TI na Administración Pública. Na súa calidade de socia platino de GLPI Network desde principios de ano, a firma mostrou a súa experiencia coa ferramenta GLPI, unha solución de xestión de servizos de TI (ITSM) de código aberto que optimiza a xestión de incidencias, activos e proxectos.
“A nosa participación en CGD2025”, sinalaron dende a empresa galega, “subliña o noso compromiso coa mellora da eficiencia e a calidade dos servizos públicos a través da tecnoloxía”.
GLPI, unha ferramenta de código aberto amplamente utilizada na administración de activos, incidencias e xestión de cambios, “demostrou ser unha solución esencial para as organizacións que buscan optimizar recursos e ofrecer mellores servizos aos cidadáns”, engadiron.
TICgal é unha empresa galega especializada en solucións de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Ten unha ampla experiencia habilitando solucións de xestión de servizos de TI na Administración Pública e privada a nivel mundial.
O Consorcio AOC (Administración Aberta de Cataluña) é unha entidade pública que promove a transformación dixital da Administración Pública en Cataluña.