Talentia Summit (Santiago) porá o foco nas nosas capacidades para innovar e facer voar as empresas

luns, 30 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O encontro Talentia Summit 19, impulsado polo Concello de Santiago, vai ser sen dúbida un dos grandes eventos tecnolóxico-empresariais da tempada, co engadido extra de que boa parte do seu programa (unha máis que completa axenda de obradoiros, cursos e relatorios) porán o foco nas persoas e nos seus diversos talentos e capacidades para innovar.
O encontro dará comezo o 21 de outubro (co foro de relatorios estratéxicos e a xornada de apertura institucional no Auditorio de Galicia) e proseguirá os días 22 e 23 coa Feira do Talento (xuntanza aberta con todo de actividades para mostrar e impulsar as capacidades de cada quen: un espazo de encontro entre empresas e posibles traballadores e entre empresas e provedores de servizos) no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.
Por certo que a Feira do Talento vén este ano con intención de bater récords: incrementáronse, con respecto do ano pasado, os postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) e de certificados (máis de 25).
A previsión desta convocatoria de Talentia Summit (en palabras do Concello “a edición definitivamente internacionalizadora do evento”) é a de acoller preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.
Amais, a entrega 2019 do Talentia porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030.
Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de outubro), a clave do encontro será a potenciación do talento, dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.
Dende a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano, polo que avisan de que as prazas estanse a completar axiña.

Listaxe de sobranceiros conferenciantes

A listaxe de conferenciantes da edición 2019 do Talentia salienta polo importante número de profesionais de renome que acubilla: Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións, Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell, Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030, José Luis Pérez-Pla, consultor director en Cegos e responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica, Jaime de Nardiz Pérez, director diagnóstico cultural de de Great Place to Work e Jaiver Sirvent, evanxelista tecnólogo.

Certificado de Piloto de Drons

Talentia Summit presenta nesta edición “unha oportunidade única” para obtermos unha licenza oficial de piloto avanzado de drons “de forma totalmente gratuíta”. Habilitaranse, con este fin, 10 prazas de pre-inscrición para este curso especializado, no que se realizará un test previo para comprobar as aptitudes e coñecementos de cada quen e poder acceder ao curso. Achegarase a posibilidade de realizar teleformación para despois, os días 22 e 23 de outubro, realizar as prácticas durante o Talentia Summit no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Segundo informa a organización, “este curso de piloto avanzado de dron tería decote un custo aproximado de 600 euros, polo que a oportunidade de obter este título de forma totalmente de balde a través de Talentia Summit é única, do mesmo xeito que a obtención doutros certificados oficiais de competencias dixitais como Azure, Photoshop, Word, Excel, etc”.