Tecnópole organiza a partir do día 16 unha mostra de proxectos de investigadores novos (de 12 anos en adiante)

venres, 10 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) vai ser entre o 16 e o 18 de novembro un centro de difusión de todos aqueles aspectos da ciencia cos que se consigue desenvolver “vocacións” investigadoras entre a mocidade. O motivo? A celebración da Semana da Ciencia (coordinada pola Consellería de Innovación) neste parque tecnolóxico galego, que se festexará con actividades como a mostra Expociencia Tecnópole, que ficará aberta (como dixemos) até o 18 de novembro. A exposición, que servirá para estimular o espírito investigador de mozos e mozas de toda España, albergará proxectos de I+D de rapaces de 12 anos en adiante. Segundo indica Tecnópole, “os investigadores mozos expoñerán traballos que van dende o eido social ata o medioambiental, pasando polo sanitario e o aeroespacial, en postos abertos ao público nos que eles mesmos explicarán os resultados e as conclusións das súas investigacións”.
Nova sede da TecnópoleAmais de facilitar a investigación entre a mocidade, esta iniciativa do parque empresarial tentará contribuír á difusión científica entre os visitantes da exposición (fica aberta ó público en xeral). Por certo que entre os proxectos presentados dende Galiza poderemos achegarnos ós traballos desenvolvidos por escolares ourensáns acerca das consecuencias dos incendios forestais na fertilidade do chan. Ademais, outros tres equipos de investigadores ourensáns explicarán os seus avances sobre o desenvolvemento dunha desalinizadora de auga do mar que funcione con enerxía solar, a depuración de augas reproducindo medios naturais e o deseño e construción dun prototipo de biodixestor para o aproveitamento enerxético da fermentación de materia orgánica (biomasa).
Segundo engade Tecnópole, “dende San Sebastián chega un grupo de alumnos que presentará un interesante proxecto sobre a contaminación marítima, no que se analizan as consecuencias medioambientais e sanitarias dos accidentes ocorridos dende os anos setenta ata hoxe e que inclúe un apartado especial sobre o ‘Prestige’, cun diario detallado das mareas negras e os vertidos durante os primeiros meses tras o afundimento do petroleiro grego”.
Cómpre sinalar que tanto a exposición como o resto das actividades da Semana da Ciencia en Galiza pódense seguir de preto na web Diverciencia.org.

PUBLICIDADE