Telecomunicación e as empresas recoñeceron o alumnado de novo ingreso co mellor expediente
xoves, 9 de marzo do 2023
A excelencia académica dos futuros
investigadores Adriana Pazos, Pablo Sanz e Daniela Sanz (que posúen,
con notas superiores a 13,20, os mellores expedientes de novo ingreso
no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no
concurso 2022-2023) foi
recoñecida este martes 7 de marzo nun acto que por vez primeira
organizou a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo coa
colaboración das empresas BorgWarner, Centum Research&Tecnology
e Optare Solutions, que entregaron cadanseu cheque por importe de
2000 euros aos tres estudantes.
A entrega dos galardóns desenvolveuse na Escola
antes do inicio da xornada de formación na que participaron parte
dos máis de 250 estudantes de centros de ESO, FP e Bacharelato que o
vindeiro mes de maio participarán na fase clasificatoria das I
Olimpíadas Nacionais Teleco, organizadas por 20 escolas de Enxeñaría
de Telecomunicación de España. Os 256 alumnos e alumnas que tomarán
parte na fase local que se celebrará na EET da UVigo representan
case o 40% do total das inscricións recibidas por todos as escolas
do país.
No acto de recoñecemento ao alumnado cos mellores
expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de
Telecomunicación no curso 2022-2023, a directora da Escola, Rebeca
Díaz, e os representantes de BorgWarner, Optare e Centum, destacaron
a relación entre o centro e as firmas, así como a importancia de
captar o alumnado con máis talento. Neste sentido, Rebeca Díaz
volveu poñer de relevo a iniciativa Conexión Teleco, “unha rede
de traballo e conexión entre empresas do sector e máis a nosa
escola”, que desde hai anos dá acubillo a actividades formativas
ou prácticas e que se formalizou coa entrega dos premios celebrada
este martes. A directora da Escola, facendo referencia á celebración
do 8-M, amosou ademais a súa ledicia porque dúas das premiadas
sexan mulleres “porque as titulacións técnicas teñen un nesgo
claro masculino”, dixo Rebeca Díaz.
Roberto Pérez, socio consultor de Optare
Solutions foi o encargado de entregar o premio a Daniela Sanz e
lembrou na súa intervención o seu paso pola EET como estudante, ao
igual que outros integrantes da firma. Por parte de Centum,
Carmen Prego , responsable de Persoas, entregoulle o premio a Adriana
Pazos e tamén destacou a compoñente feminina do premio. Telmo
Calle, director do Centro técnico español para a electrónica da
empresa, de BorgWarner entregou o galardón a Pablo Sanz e destacou a
importancia de Conexión Teleco.
A I Olimpíada Nacional de Teleco
comeza a quecer motores
Co propósito de reivindicar a Enxeñaría de
Telecomunicación, amosando os múltiples eidos de actividade nos que
está presente e como pode mellorar a calidade de vida e en concreto
como impacta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS),
por vez primeira unha vintena de escolas de enxeñaría de
Telecomunicación de España, xunto ao Colegio Oficial de Ingenieros
Técnicos de Telecomunicación (COITT) e o Colegio Oficial de
Ingenieros de Telecomunicación (COIT) organizan este ano unha
olimpíada
nacional, dirixida a alumnado de ESO, Bacharelato e FP.
No caso da fase local que acollerá a EET da UVigo
participarán un total de 256 estudantes: 197 de 13 centros da ESO
das catro provincias; 46 de oito centros de FP de Pontevedra, Ourense
e A Coruña e 13 de catro centros de Bacharelato de Pontevedra e A
Coruña. “En total temos 256 estudantes, o que representa o 39% das
inscricións recibidas por todos os centro de Teleco de España, onde
hai outras 19 escolas que ofertan a competición local”, explica
Rebeca Díaz, para quen esta positiva resposta “denota a boa
relación da EET cos centros pre-universitarios, aos que acudimos
habitualmente para ofrecer charlas divulgativas no ámbito das
telecomunicacións, e máis o alto interese que este tipo de
competicións espertan no alumnado e no profesorado”.
Na xornada de formación celebrada este mediodía
na EET, a organización local da olimpíada facilitoulles ás e aos
participantes os kits de traballo, de placas programábeis e
compatíbeis co IDE e Arduino, cos que terán de deseñar e
desenvolver un proxecto aliñado coa enxeñaría de telecomunicación
e o ODS 11, Cidades e comunidades Sustentábeis. Os
kits de traballo están patrocinados polas empresas BorgWarner, Indra
e Televés.