Telefónica completa a compra de Tuenti

mércores, 6 de novembro do 2013 Redacción

Xa é oficial. Finalmente Telefónica proclamouse este mércores propietaria ao cen por cen da rede social Tuenti logo de rematar o proceso de achegamento entre ámbalas partes e facerse a operadora co restante capital de Tuenti que aínda non tiña. Lembrar que a operación remóntase a 2010, intre no que en Código Cero dimos conta da compra por parte da compañía española do 90% da dita comunidade 2.0 por un prezo total de 70 millóns de euros. Daquela reflectimos como o máximo responsable de Tuenti, Zaryn Dentzel, confirmaba no blog oficial da compañía que o operador telefónico incorporárase coma socio para “garantir a continuidade do proxecto” e aportar “músculo financeiro e toda a súa experiencia en comunicacións”.
Con todo, ficaba pendente unha porcentaxe do capital, que ata o de agora estaba en mans de socios minoritarios entre os que figuraban empregados e directivos desta, que exercitaron a súa opción de venda. O remate da operación anunciando este mércores confirma en palabras de Telefónica “a aposta por Tuenti, que salienta polo talento e a innovación cun equipo novo de máis de 200 profesionais cunha idade media de 29 anos formado principalmente por enxeñeiros”.
E lembra Telefónica: “Tuenti aborda diferentes proxectos que supoñen a súa reinvención máis aló do servizo como rede social, integrando comunicación social e servizos móbiles con novos produtos de valor engadido: novas aplicacións móbiles con mensaxería instantánea, servizos integrados como Zerolímites que permite aos clientes do operador falar (VoIP), chatear, e compartir sen consumir datos, mesmo cando non teñen saldo; ou a xestión de conta e soporte na mesma aplicación; constatando o seu compromiso por innovar e dixitalizar o sector das telecomunicacións achegando a súa experiencia en Internet e comunicación social”.
Subliñar por último que Tuenti conta a día de hoxe con 9 millóns de usuarios activos na súa multiplataforma de comunicación social e 190.000 clientes no seu operador móbil virtual, Tuenti Móbil. En 2012 a facturación da compañía foi de 14 millóns de euros e agarda pechar 2013 cun medre por enrima do 50% con respecto a 2010.