Telefónica cubre coa 5G de altas prestacións máis de 1.000 municipios de toda España

luns, 24 de xuño do 2024 S. P.

Telefónica superou xa os 1.000 municipios con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz. Con estas cifras, sinalou a compañía, “consolidamos o desenvolvemento dunha cobertura que permite ofrecer ultras banda larga móbil na práctica totalidade do territorio, tanto en zonas rurais como urbanas de toda España”.
A operadora salienta tamén que as prestacións da banda de 3.500 MHz (ofrecida aos clientes Movistar e O2 como 5G) achegan “altas velocidades e moi baixa latencia, o que optimiza a experiencia móbil, ademais de incrementar a calidade de rede”. Isto, engade a empresa, “implica para o cliente unha mellor experiencia móbil con imaxe de alta calidade, descargas case instantáneas, streaming, poder xogar na nube sen interrupcións e un aumento da calidade de rede mesmo en espazos concorridos como eventos deportivos ou concertos musicais”.
No ámbito das empresas, engade Telefónica, “esta banda facilita dispoñer de novas funcionalidades como o network slicing para ofrecer a mellor calidade de rede ante determinadas necesidades específicas”.
Telefónica xa puxo todas estas vantaxes ao dispor de 1.016 localidades españolas.
Ademais, a operadora traballa na banda 5G de 700 MHz, que chega xa a 3.008 municipios e que permite mellorar o servizo en interiores. Así, Telefónica ofrece cobertura 5G en ambas as bandas a máis do 89% da poboación española.
5G Stand Alone
Telefónica segue avanzando na despregadura da 5G SA (Stand Alone), unha tecnoloxía na que toda a infraestrutura de rede (radio e core) apóiase na 5G e que chega a un total de 50 cidades, incluíndo localidades de todas as Comunidades. Desta forma, Telefónica chega con 5G SA fundamentalmente a cidades de máis de 250.000 habitantes en todas as CCAA coa previsión da súa rápida extensión a outras poboacións para así seguir consolidando a capilaridade do servizo 5G de Movistar.
A modalidade Stand Alone de 5G atópase xa dispoñíbel nos terminais compatíbeis das marcas Xiaomi, Samsung, Oppo e Motorola, todos eles con varios modelos aos que se irán sumando novos modelos e fabricantes ao longo do ano.
“Con 5G SA contribuímos á mellora da experiencia de conectividade do usuario e ademais ofrecemos a posibilidade de desenvolver e implantar ás empresas servizos avanzados baseados na conectividade móbil xunto con outras tecnoloxías como o network slicing”, explica a compañía, engadindo que a 5G de Telefónica apóiase sobre unha rede fibra con preto de 30 millóns de unidades inmobiliarias que “garante o soporte desta tecnoloxía móbil e a constitución dunha rede robusta que permita a creación de servizos e a xestión dun crecente volume de datos, aspectos fundamentais no avance cara á dixitalización”.
A 5G, vía para gañar eficiencia enerxética
Telefónica destacou os seus grandes avances en eficiencia enerxética “grazas á aplicación de innovacións tecnolóxicas e proxectos” que están a permitir á compañía “reducir o seu consumo” á vez que logra xestionar o importante aumento do tráfico de datos rexistrado nos últimos anos. Só desde 2015, “reducimos o consumo nun 8,6%, mentres que o tráfico multiplicouse por 8,6 veces”, engadiron fontes da operadora, salientando que “unha das vías a través da cal gañámos eficiencia é a modernización da rede, substituíndo o cobre por fibra óptica, un 85% máis eficiente, e despregando a 5G”. Neste punto, Telefónica salienta que a 5G consume ata un 90% menos de enerxía que o 4G por unidade de tráfico (W/Mbps), ademais de apoiarse no consumo de electricidade 100% renovábel, aspecto que Telefónica aplica a toda a súa rede desde o ano 2017.
Telefónica, adxudicataria principal do plan 5G Rural (ÚNICO 5G Redes Activas)
Telefónica foi a principal adxudicataria do plan 5G Rural (ÚNICO 5G Redes Activas) polo que o Ministerio de Transformación Dixital repartiu un total de 508 millóns de euros que supoñen 7.330 emprazamentos, 174 deles de nova creación, beneficiando a 1,8 millóns de habitantes e brindando cobertura en máis de 30.000 km de estradas. En concreto, Telefónica percibirá 298 millóns de euros para 4.123 emprazamentos.
“Este investimento supoñerá un novo impulso á chegada da 5G a municipios de menos de 10.000 habitantes, o que implicará unha ampliación da conectividade a un número crecente de poboacións no ámbito rural”, apunta a compañía, engadindo que a colaboración público-privada funciona “como unha panca clave para potenciar este desenvolvemento da conectividade en todo o territorio”.

PUBLICIDADE