Telefónica e Gradiant presentan no MWC o seu proxecto de entrega de paquetes con drons 5G
martes, 28 de febreiro do 2023
A
operadora Telefónica fixou para este martes 28 de febreiro, nun
marco tan concorrido como o do Mobile World Congress de Barcelona, a
presentación dun proxecto de seu, desenvolvido polo Centro
Tecnolóxico Gradiant (con sede en Vigo), para a entrega de envíos a
través de drons con 5G. A iniciativa, pioneira en España, ten
como alicerce unha fonda análise das posibilidades do dito estándar
móbil: de como a rede 5G pode facilitar o desenvolvemento e
implantación de servizos con vehículos aéreos non tripulados en
contornas urbanas, por exemplo o envío de paquetes e subministros.
Para
iso, Telefónica contou coa colaboración do centro galego Gradiant
no desenvolvemento do sistema intelixente de comunicacións
cooperativas, na implementación da solución que permite ofrecer
localizacións precisas e na integración destas tecnoloxías nos
drons e elementos intelixentes das Cidades Intelixentes. Tamén
participou o fabricante de dispositivos Ericsson, que ofrece a rede
móbil actualmente en modo comercial sobre a que se desenvolve este
proxecto, e Genasys, empresa especializada en LBS (servizos baseados
en xeolocalización) e comunicacións críticas de emerxencia.
Caso
de uso
O
caso de uso, presentado recentemente na sede central de Telefónica
en Madrid, consiste no voo de varios drons que se comunican entre si
e con diferentes elementos urbanos conectados, co obxectivo de facer
unha correcta entrega dun paquete nun punto de recollida móbil,
atopando na súa traxectoria outro vehículo aéreo de semellantes
características ou un aviso dunha área de voo restrinxido.
Telefónica explica que o desenvolvemento deste proxecto foi
“fundamental” a implicación de Correos, que é “pioneira na
exploración de novas solucións para o transporte de mercadorías
con drons, para chegar a zonas de difícil acceso ou mesmo prestar
novos servizos”, engadiron fontes da operadora.
Coa
finalidade de facer posible este piloto foi necesario combinar
varias tecnoloxías, como a 5G, as comunicacións C-V2X, a tecnoloxía
RTK e a localización móbil. “A tecnoloxía 5G, coa súa baixa
latencia e gran largura de banda, é clave para o desenvolvemento de
casos de uso baseados en drons, xa que as baixas latencias resultan
decisivas para poder establecer unha comunicación en tempo real e a
cooperación entre drons, e entre drons e obxectos conectados”,
explican Telefónica e Gradiant, que, no caso da tecnoloxía C-V2X,
lembran que se trata dunha empregada nos coches conectados que neste
caso concreto facilitou a capacidade de interacción do dron coa súa
contorna mediante mensaxes de curto alcance, comunicándose coa
Smart City para poder reaccionar de maneira intelixente ás
condicións cambiantes da devandita contorna.
Pola
súa banda a tecnoloxía RTK (Real Time Kinematic ou navegación
cinética satelital en tempo real) ofrece localizacións precisas con
marxes de erro de centímetros, “algo fundamental para determinadas
situacións coma a aterraxe de drons nas caixas de correos móbiles”,
sinalan.
Ao
devandito súmase o servizo de localización 5G, que ofrece
información sobre a localización e unha estimación da distancia do
vehículo aéreo á antena. Este servizo exponse como unha segunda
fonte de posicionamento independente para contrastar a posición
calculada con GNSS, garantindo a integridade do posicionamento.
