Televés e Vithas ofrecen TV de balde nos hospitais onde colaboran

luns, 23 de marzo do 2020 Redacción

A companía compostelá Televés e máis o Grupo Vithas, centrado na xestión de hospitais en toda España, veñen de acordar ofrecer a TV de balde nos hospitais onde colaboran (desenvolvendo Televés infraestruturas de telecomunicación de redes e TV en IP) mentres dure a pandemia de COVID-19. En concreto, a medida farase efectiva nos seus hospitais de Vigo e Granada. Nestes momentos de crise sanitaria global, pactaron de maneira inmediata ofrecer os servizos de televisión de forma gratuíta a todos os pacientes ingresados.
O director corporativo de operacións do Grupo Vithas, José Ramón de Fata, resaltou a “dificultade engadida” que implica o confinamento de pacientes do COVID-19 nas súas habitacións, “onde as visitas están prohibidas” e só o persoal sanitario entra puntualmente para realizar os controis necesarios. “A televisión é a principal vía de información e entretemento para estes pacientes”, explicou, engadindo que estas persoas “non só loitan contra os efectos do virus, senón tamén contra a soidade do confinamento”, polo que a televisión convértese nunha “ferramenta terapéutica en tempo de illamento”.
David Serramià, director de Infraestruturas de Comunicación de Televés, incide en que “a televisión segue a ser a principal fonte de información e entretemento en Europa” e que no caso dos pacientes ingresados polo coronavirus “a TDT supón para eles en moitos casos a única xanela ao mundo exterior”. Segundo explica, “Televés quere achegar con esta iniciativa o seu pequeno gran de area na difícil situación que estamos a vivir”.

PUBLICIDADE