Televés e a Xunta impulsan con Activage o noso primeiro ecosistema sociosanitario

mércores, 19 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

As instalacións de Televés en Santiago acolleron hoxe a presentación duns avances tecnolóxicos feitos á medida das nosas necesidades e de todas as contornas que teñen ou terán as nosas mesmas características demográficas: moita dispersión e, sobre todo, un marcado envellecemento da súa poboación (a cuarta parte das galegas e dos galegos teñen a día de hoxe máis de 65 anos). Máis en detalle, o acto desta mañá foi a segunda revisión anual do Proxecto Activage, levada a cabo pola Comisión Europea, logo da información achegada hai case un ano con motivo da súa posta en marcha. Entre outras cousas, hoxe fíxose saber que Activage (un proxecto europeo liderado por Televés e a Xunta para mellorar a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores) vén de xerar o que sería “o primeiro ecosistema sociosanitario galego”.
Ou sexa, unha comunidade por dereito propio, formada por persoas maiores, institucións públicas, empresas e organizacións, que xunta forzas para responder ao gran reto demográfico do noso tempo: o progresivo envellecemento da poboación e a necesidade de fornecer de conectividade ás contornas (cidades, vilas, aldeas, casas) onde reside esa poboación.
Televés e o Goberno autonómico tamén recordaron que Activage, activo en diferentes contornas xeográficas europeas, diríxese a mellorar a autonomía das persoas maiores a través (sobre todo) do uso das tecnoloxías aplicadas á Internet das Cousas (IoT), recursos que combinados coa conectividade integral a Internet permiten facer monitoraxe continua das persoas atendidas dentro da súa casa e tamén fóra dela.
A nivel galego, o proxecto colle corpo cunha iniciativa piloto (un piloto integrado en nove experiencias europeas análogas) na que participa un colectivo de 700 persoas maiores de 60 anos, probando solucións tecnolóxicas (sensores e aplicacións) que fan seguimento do seu quefacer diario e do seu estado de saúde.
No caso da nosa terra, está a ser impulsado por Televés, Cruz Vermella, o SERGAS, a Fundación Vodafone España, a Universidade Politécnica de Valencia, Tecsos, AMTEGA e a Xunta de Galicia.
Segundo se lembrou no acto celebrado en Televés, o piloto galego consta de catro piares fundamentais: coidado da saúde (soporte no coidado da saúde con seguimento de variábeis clíncas e recordatorio de medicación e medidas), tranquilidade no fogar (seguimento do quefacer diario para detectar posíbeis situacións de risco como caídas ou incendios), premedor de emerxencias (solución para pedir axuda en caso de urxencia e respondida decontado, tanto no fogar como fóra del) e participación social (a través dunha solución de vídeo-conferencia a través da que se pode informar sobre eventos e actividades de lecer ou realizar exercicios para mellorar e estimular a memoria).
No acto participaron, entre outros, o director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, o director de I+D da empresa galega de telecomunicacións, Sebastián Pantoja, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez.
Todos eles fixeron fincapé no potencial da nosa terra como “laboratorio de probas” para impulsar e avaliar as tecnoloxías de Activage, salientando os importantes recursos que están a abrollar do proxecto para definir o rumbo das políticas sanitarias autonómicas e de asistencia social. Segundo fixo saber Rey Varela, Galicia, coa súa importante porcentaxe de xente maior de 65 anos (a cuarta parte da poboación... e medrando), cos seus preto de 60.000 maiores con necesidades especiais e coas súas demandas importantes en materia de conexión de calidade para núcleos de tamaño medio e pequeno, achega uns desafíos concretos “que tamén son, ante todo, unha oportunidade”. Unha oportunidade porque alentan ás institucións, ás empresas, aos organismos e á sociedade por enteiro, a buscar conxuntamente solucións tecnolóxicas concretas que de xeito individual sería máis complexo lograr. “Debemos contribuír a que os nosos maiores continúen activos, aportando cousas de valor e positivos á sociedade”, engadiu.
700 fogares
Segundo sinalou Santiago Rey, director xeral de Televés Corporación, Activage Galicia chega xa a 700 fogares en toda a Comunidade, con perfís de persoas usuarias de servizos sociais e sanitarios “cuxa colaboración ha de servir para validar a integración de servizos nun único dispositivo, enlazando elementos físicos, como sensores e actuadores, co mundo virtual do procesamento da información”.
En canto ao progreso do proxecto, Sebastián Pantoja, director de I+D de Televés, destacou que en Galicia despregáronse a data de hoxe máis de 1.200 dispositivos, que inclúen sensores de seguridade no fogar (lume, gas), detectores de presenza e dispositivos de control de parámetros médicos (coagulómetro, tensiómetro, báscula), entre outros. A plataforma Activage xestionou ao redor de 10.000 alarmas xeradas polos devanditos dispositivos nos fogares despregados.

PUBLICIDADE