Televés mostra perante o Goberno galego o seu ambicioso proxecto de Industria 4.0

luns, 14 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitaron hoxe o Centro Tecnolóxico de Televés Corporación en Santiago de Compostela. Durante o seu percorrido polas instalacións da empresa galega, referente en equipamentos de telecomunicación e tamén en ámbitos punteiros de saúde dixital e o envellecemento activo (nos que se insire por exemplo Activage), o presidente e o conselleiro puideron coñecer os detalles dun novo e ambicioso proxecto de Televés: o proxecto Corp4Future, destinado a transformar as empresas da corporación en empresas integramente 4.0.
Segundo se lembrou no percorrido polas dependencias de Televés, Corp4Future ten un investimento inicial estimado de 23 millóns de euros, unha cifra que “supón un esforzo investidor moi superior dada a especial aposta da empresa por unha industria galega de referencia internacional”, engadiuse na visita, que permitiu ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Economía e Industria coñecer os avances da compañía en robótica colaborativa, loxística automatizada e integración entre enxeñaría, fábrica e cliente.
Nun plano máis concreto, os responsábeis da corporación detallaron perante Feijóo e Conde as potencialidades de rendemento e medre que están a pór en xogo os novos procesos integrados por Televés: procesos tecnolóxicos e industriais baseados en Internet das Cousas (IoT), analítica de información a gran escala (Big Data) ou realidade aumentada, que permitirán ao grupo “dar un chimpo cualitativo en eficiencia, sustentabilidade e competitividade, dándolle acceso a novos mercados altamente competitivos”.
Santiago Rey destacou “a ambición do proxecto Corp4Future” e asegurou que, con el, as empresas da compañía que participan no mesmo “poderán competir con éxito en sectores como servizos sociosanitarios, eSaúde, eficiencia enerxética ou aeronáutica”. Así mesmo, explicou, “permitirá deseñar e fabricar produtos cada vez máis orientados ás necesidades de comunicación, lecer, saúde e benestar dos cidadáns en contornas cada vez máis integradas con dispositivos e tecnoloxías IoT”. Este proxecto, apuntou, “supón un exemplo para o resto das empresas da corporación e un aliciente para a mellora continua e o avance nestas novas tendencias”.
Corp4Future
Corp4Future conta co apoio da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente. O proxecto suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, con “importantes oportunidades de formación e desenvolvemento profesional”. Os obxectivos xerais da iniciativa son os seguintes: aplicación e mellora dos procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías (tales como realidade aumentada, robótica colaborativa ou novos métodos de fabricación), deseño e desenvolvemento de novas funcionalidades e novas tecnoloxías (Monolithic Microwave Integrated Circuits -MMIC- ou Internet das Cousas -IoT-, etc.), apertura de novos mercados e consolidación dos tradicionais (principalmente difusión multimedia e equipamento de medida), mellora dos sistemas de información e da comunicación entre a corporación e os seus clientes ou, tamén, desenvolvemento dun prototipo global dentro do grupo que sirva como demostrador das novas capacidades adquiridas e do paradigma de Industria 4.0.

PUBLICIDADE