Televés remata 2019 co lanzamento dunha web renovada

mércores, 4 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Televés Corporación, grupo referente en en equipamentos de telecomunicación, en enerxía sustentábel e intelixente, en Industria 4.0 e, tamén, en ámbitos punteiros de saúde dixital e o envellecemento activo (nos que se insire por exemplo Activage), está estes días estreando un novo deseño e reestruturación da súa páxina web. Podémola ver xa, na súa porta de entrada, en global.televes.com, dende onde accederemos logo aos diferentes sitios dispoñíbeis segundo o país dende o que nos conectemos e a linguaxe que elixamos.
Respecto das novidades que nos imos atopar na nosa presenza web da corporación con sede principal en Santiago, a propia compañía salienta tres puntos principais: unha mellora notábel no buscador (acoutando os resultados para que atopemos o produto que precisemos dunha maneira máis doada), unha nova árbore de navegación (destinada a facilitarnos o camiño ao produto que nos interese) e unha máis ampla e completa información sobre a liña Hospitality (un dos grandes ámbitos de traballo actual de Televés, onde se insire o devandito Proxecto Activage, iniciativa europea liderada por Televés e a Xunta para mellorar con tecnoloxías avanzadas a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores).
A nova páxina tamén pon o foco en achegarnos información completa sobre o Segundo Dividendo Dixital, sobre a liña de distribución de servizos de radiodifusión (o tradicional núcleo de negocio da corporación galega) e sobre un novo ámbito de traballo no que Televés xa é un referente: o ámbito da nova iluminación intelixente e o seu amplo catálogo de solucións LED para exteriores e interiores. A páxina tamén resulta de gran utilidade para coñecer en detalle os traballos da corporación no exterior, nunha manchea de localizacións emblemáticas de Dubai, Tailandia, Italia, Inglaterra ou os Estados Unidos.

PUBLICIDADE