The Legend of Zelda: Ocarina of Time chegará a Switch 2

martes, 9 de xuño do 2026 Redacción

Nintendo celebrou o seu Nintendo Direct de xuño de 2026 cunha das presentacións máis destacadas dos últimos anos, marcada polo anuncio do agardado remake de The Legend of Zelda: Ocarina of Time, a reaparición de Kingdom Hearts IV tras varios anos sen novidades e a confirmación dun novo capítulo da saga Xenoblade.
A compañía pechou o evento coa primeira mostra do remake de The Legend of Zelda: Ocarina of Time, que chegará en exclusiva para Nintendo Switch 2 ao longo de 2026. O adianto foi breve, cunha escena na que Link aparece durmindo na súa casa, pero serviu para confirmar oficialmente un proxecto que levaba meses protagonizando rumores.
Outro dos grandes anuncios foi Kingdom Hearts IV. Square Enix mostrou por primeira vez secuencias de xogo da nova entrega protagonizada por Sora, Donald e Goofy, que viaxarán á misteriosa cidade de Quadratum. O título non ten aínda data de lanzamento, pero publicarase en Nintendo Switch 2, PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC.
Square Enix tamén revelou Final Fantasy Resonance, un RPG por quendas con estética HD-2D que chegará o 22 de outubro. A aventura estará protagonizada por Rain, un mozo cabaleiro encargado de salvar os cristais que sustentan o mundo e contará coa aparición de personaxes clásicos da franquía mediante un sistema de invocacións.
Monolith Soft, pola súa banda, confirmou Xenoblade Genesis, unha nova entrega da súa popular serie de rol que está prevista para 2027. Mentres tanto, os tres xogos principais da saga recibirán edicións optimizadas para Nintendo Switch 2. A actualización de Xenoblade Chronicles: Definitive Edition xa está dispoñible, mentres que as versións melloradas de Xenoblade Chronicles 2 e Xenoblade Chronicles 3 chegarán o 30 de xullo e o 3 de decembro, respectivamente.
A presentación tamén serviu para ofrecer novos detalles de Splatoon Raiders, a aventura para un xogador ambientada no universo de Splatoon, que estará dispoñible o 23 de xullo. Nintendo celebrará ademais unha presentación específica dedicada ao xogo o 30 de xuño.
Entre os anuncios exclusivos para Nintendo Switch 2 destacou Nintendo Switch Sports Resort, unha nova entrega da serie deportiva ambientada de novo na illa Wuhu. Incluirá doce disciplinas, tanto novas como clásicas, e chegará o 22 de outubro. Tamén se anunciou unha demostración gratuíta de Star Fox, mentres que o xogo completo estará dispoñible o 25 de xuño.
Capcom confirmou a chegada de Devil May Cry 5 Devil Hunter Edition o 23 de xuño e mostrou un novo tráiler de Onimusha: Way of the Sword, previsto para o 25 de setembro. Ademais, Dragon’’s Dogma 2 recibirá a expansión Dark Arisen o 9 de outubro, incorporando unha nova rexión xeada, equipamento inédito e desafíos adicionais.
O catálogo de terceiros reforzarase tamén coa chegada de Warhammer 40,000: Space Marine 2 durante a campaña de Nadal, unha edición específica de Minecraft para Switch 2 con melloras gráficas, Lies of P: Complete Edition o 6 de agosto e Lords of the Fallen 2 durante o outono.
Nintendo confirmou igualmente Dragon Quest Monsters: The Withered World, que chegará o 3 de decembro, e anunciou Fire Emblem: Fortune’’s Weave, que se publicará o 17 de setembro. Tamén houbo espazo para Rhythm Paradise Groove, previsto para o 2 de xullo, e para DELTARUNE Chapter 5, que se lanzará como actualización gratuíta o 24 de xuño.
A colaboración entre Nintendo e outras editoras deixou algunhas sorpresas adicionais. Stellar Blade chegará a Switch 2 en 2026, Ubisoft publicará Rayman Legends Retold o 1 de outubro e House House, o estudio responsable de Untitled Goose Game, lanzará a aventura cooperativa Big Walk o 4 de agosto.
A lista de novidades completouse con One Piece: Grand Gourmet, un simulador de xestión de restaurantes ambientado no universo de Eiichiro Oda; Orbitals, unha aventura cooperativa para dous xogadores; o battle royale Jujutsu Kaisen Rumble: Survivaton; novo contido descargable para Donkey Kong Bananza; unha expansión para Pokémon Pokopia; e a chegada da colección Kingdom Hearts Collection [I III] o 8 de outubro.

Vídeo co Nintendo Direct íntegro