Todo listo para o comezo de Galicia Maker Faire, a gran feira galega de argalleiros

luns, 20 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Galicia Maker Faire, a feira anti-límites de desenvolvemento (trátase de recalcar a mensaxe de que todas e todos podemos facer tecnoloxía e innovación, mesmo partindo do coñecemento máis básico), xa está a piques de chamar ás nosas portas. Celébrase esta semana en Santiago, no Gaiás, os días 24, 25 e 26 de novembro, e, segundo lembraron hoxe as entidades organizadoras, constituirá “un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas”. O programa definitivo e os obxectivos consolidados de Galicia Maker Faire 2017 (terceira edición) foi dado a coñecer hoxe pola concelleira de Turismo en Santiago, Marta Lois, e pola organizadora do evento, Matilde Rodríguez. O evento fará honra ao seu nome: será Maker (ao amparo da filosofía do “faino coas túas mans”) e será Faire (un encontro multitudinario onde compartir recursos, enxeño e formación).
Este ano, sinalaron, introdúcense no programa “tres importantes novidades”. A primeira é que a cita, logo de que no 2015 se celebrase en Área Central e a segunda no Pazo de Congresos, terá lugar este ano na Cidade da Cultura. A segunda novidade é que a organización decidiu ampliar o programa do evento nun día máis, pasando de dous a tres (adicándose este novo día ao sector empresarial interesado nas múltiples posibilidades de desenvolvemento económico que ofrece a inventiva Maker). Tendo en conta isto, a estrutura das xeiras fica da seguinte maneira: a xornada do venres 24 será para empresas, mentres que os días 25 e 26 o evento estará aberto e contará con actividades para todos os públicos.
A terceira novidade é que o encontro, que nas edicións anteriores se celebrou no mes de outubro, pasa agora a celebrase no mes de novembro. Este cambio de datas, sinalou Marta Lois, vai “na liña de fomento da desestacionalización que se está desenvolvendo dende o Concello”, que traballa “co obxectivo de que a cidade acubille máis eventos de todo tipo nos meses de temporada baixa”.
A xornada do 24
Como dixemos, o evento contará por vez primeira cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xeira profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makers galegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos durante ese día.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por​ emprendedores e estes terán unha gran oportunidade​ de acadar posíbeis socios e colaboradores”.
Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard Stallman,​ creador do movemento do software libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e cooperativa”, explicouse.

PUBLICIDADE