Todo o relativo á nova edición de FalaRedes, no Portal da Lingua
xoves, 16 de marzo do 2023
Volve o programa FaraRedes, reforzado nos seus
obxectivos de achegar actividades de lecer en galego aos concellos
galegos, unha axenda que abrangue os máis de 200 municipios e
entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística.
Así o anunciou na mañá deste 16 de marzo o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,
durante a presentación da XII edición desta iniciativa, que abre a
súa programación do 2023 coa peza Castelao, de
Culturactiva Producións, escrita, dirixida e interpretada por
mulleres. Novamente todo o relativo á axenda poderemos consultalo ao
detalle no Portal da Lingua,
impulsado pola Secretaría Xeral. Tamén podemos visualizar no
mesmo site todo o relacionado coa peza Castelao.
García mostrou a súa satisfacción por abrir “o
programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023 cunha peza
dedicada a Castelao cos obxectivos de fomentar o coñecemento dunha
das figuras máis relevantes da cultura galega e en galego do século
XX; potenciar a mirada feminina nas montaxes teatrais; promover o
consumo de produtos culturais en galego do público familiar;
proporcionar aos nenos e nenas unha experiencia de ocio positiva
ligada á lingua e, en definitiva, contribuír á normalización e
difusión da lingua galega nas idades máis novas e no contexto
familiar e cultural”.
Canda Valentín García tamén interviñeron na
presentación, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, as
actrices Mónica Camaño e Cris Collazo, encargadas de dar vida ao
propio Castelao e demais personaxes da peza.
Primeira obra sobre Castelao
dirixida á cativada
Segundo fixeron
saber, Castelao
é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á nenez, en
concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con
texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a peza
presenta un Castelao de oito anos feliz e aventureiro na súa vila
natal.
“Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na
que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución
polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do
escritor e a súa nai”, explicou o secretario xeral, engadindo que
“para facer aínda máis atractiva a representación”, os
diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados
con elementos recoñecíbeis da obra de Castelao, cos que o elenco, a
música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo
cheo de plasticidade, cor e ritmo.
A obra estréase o
vindeiro domingo 19 ás 12,00 h no Auditorio Constante Liste de
Teo. Despois iniciará unha xira que a levará a visitar O Barco
de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h;
Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; Boiro (Casa
da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h;
Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h;
Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h;
O Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; Monforte de
Lemos (Edificio Multiúsos) o 29 de abril ás 18,00 h e Porto do
Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19,30 h.
Como en cada actividade do FalaRedes, a entrada
será de balde.
Ademais, ao longo do ano a Consellería de Cultura
seguirá engrosando a oferta de actividades de ocio en lingua galega
para distrubuír entre os distintos concellos pertencentes á Rede de
Dinamización Lingüística.
FalaRedes
FalaRedes é un programa de dinamización da
lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se
desenvolve en entidades locais pertencentes á rede. Os seus
obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a
oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o
uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e
as artistas que desenvolven o seu traballo nela.