Toponimízate e a súa vertente dixital chegarán a 16 novas localidades da nosa terra

venres, 22 de novembro do 2019 Redacción

O programa para a recuperación e posta en valor dos nosos nomes de lugar, o programa Toponimízate e todas as vertentes tecnolóxicas que o acompañan (incluída unha aplicación móbil), van proseguir o seu itinerario polas nosas vilas e cidades. A nova andaina do programa chegará desta volta a 16 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentaron onte na Coruña a terceira edición do programa que coordina a RAG coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.
Estas son as vilas incluídas na nova andaina: Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz, Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén, Vilalba e tamén O Bierzo.
O secretario xeral de Política Lingüística incidiu desta maneira no gran valor da toponimia galega e a necesidade de protexela: “Cómpre salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer". Segundo engadiu, está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar.
O presidente da RAG salientou que "con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos”, dixo, engadindo que “a través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros”. Na súa opinión, “Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela”.
A toponimia como alicerce
A RAG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística botan a andar a terceira edición deste programa de promoción da lingua galega para concellos pertencentes á RDL, que toma como base a toponimia de Galicia, disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar. A acción volve enmarcarse nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da AMTEGA e da Consellería de Cultura e Turismo. Conta coas contribucións do académico correspondente Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas.
Os encontros céntranse na toponimia galega (nos motivos da abundancia de nomes de lugar no país, toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén na propia de cada concello (significados dos nomes das parroquias e das aldeas) e en como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos ou nas utilidades desta ferramenta TIC.
Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE