Torusware e Prodimar amosan as posibilidades empresariais do Big Data e as cousas conectadas
mércores, 27 de marzo do 2019
O
Colexio Oficial de Enxeñeiros
Industriais de Galicia (ICOIIG) mostrou na Coruña as principais
utilidades e aplicacións das tecnoloxías do ámbito do Big Data
(a análise de datos a gran escala) e da Internet das Cousas. A cita,
abeirada aos cursos do programa divulgativo e formativo da Oficina
de Transformación Dixital do ICOIIG, celebrouse este 26 de marzo
e tivo un marcado cariz empresarial. Participou en primeira instancia Guillermo López
Taboada, profesor da Facultade de Informática da Universidade da
Coruña e director executivo (CEO) de Torusware,
empresa especializada na explotación de datos.
López
Taboada explicou na primeira das charlas os fundamentos do Big
Data e como se aplica en grandes empresas. tanto no ámbito
internacional como casos relevantes en Galicia. Ademais, deu conta de
diversas ferramentas de business intelligence que permiten
xestionar datos macro nas compañías.
A
intervención sobre o IoT (a Internet cas Cousas) correu a cargo de
Rubén Lestón Roibás, responsábel de Organización e Compras na
empresa Prodimar. Grazas ao
seu relatorio, os asistentes puideron coñecer as diversas
tecnoloxías deste ámbito tecnolóxico e das vantaxes que teñen
avances e servizos como poder ter localizado nunha emprega calquera
elemento ou ben da maneira máis económica. Segundo fixo saber, o
principal beneficio das cousas conectadas na actividade empresarial é
a xestión eficiente de materias primas e produtos terminados a un
prezo razoábel.
As
persoas que participaron nesta charla interesáronse sobre as opcións
de aplicar estas tecnoloxías en casos concretos.
124
accións nos vindeiros meses
As
actividades de hoxe enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións
coas que o ICOIIG chegará ao sete principais cidades galegas até o
próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde
para todas as empresas interesadas.
Esta
campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle
proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D,
as solucións que permite a análise da información a gran escala
(Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a
Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns
coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain
aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a
utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As
Oficinas de
Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo
Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública
Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As
actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa
Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación
2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten
entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).