Tras unha semana de mal funcionamento TikTok volve á normalidade nos EE.UU.

luns, 2 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Tras un longo periplo para evitar a execución da prohibición de TikTok (e CapCut) nos EE.UU., aprobouse a creación dunha nova sociedade participada maioritariamente por entidades estadounidenses e determinando que infraestrutura da plataforma social estaría nos EE.UU. e operada por Oracle. Deste xeito os usuarios de TikTok nos EE.UU. estarían supostamente libres de inxerencias chinesas, aínda que coa preocupación de que sexan intereses afíns a Trump os que poidan facer un mal uso de TikTok (o que se evidenciou cunha fuxida de usuarios ao coñecer as novas condicións do servizo).
Pero o paso de TikTok a unha infraestrutura baixo cun maior control estadounidense, aínda que algúns sinalaban que se percibira con numerosas accións de censura que impedían a visualización de vídeos críticos coa actualidade estadounidense, o certo é que realmente atendía a unha desfeita a nivel técnico, que fixo que dende o pasado luns nin TikTok nin CapCut funcionasen con normalidade nos EE.UU., e non foi ata onte mesmo cando anunciaron oficialmente a restauración de TikTok á normalidade.
Dende TikTok USDS JV aseguran que os problemas no servizo responderon a fallos no subministro eléctrico provocados polas condicións meteorolóxicas no centro de datos operado por Oracle, resultando pouco esperanzado que os novos responsables da infraestrutura de TikTok nos EE.UU. tardasen practicamente unha semana en estabilizar o servizo tras unha apagada que tampouco debería producirse.