Twitter estrea os chíos de até 4.000 caracteres nos EE.UU.

mércores, 8 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Twitter anuncia hoxe que os subscritores de Twitter Blue nos EE.UU. xa pode publicar chíos de até 4.000 caracteres, aínda que cómpre salientar que na cronoloxía só se verán os 280 caracteres, de xeito que hai que premer sobre o chío para poder ver o texto completo, entendéndose que estas publicacións longas buscan evitar que haxa que crear un fío para desenvolver unha mensaxe complexa, nin tampouco haxa que recorrer a unha captura de pantalla para lanzar un comunicado oficial.
Os chíos longos teñen actualmente algunhas limitacións importantes, como que non poden gardarse como borrador nin pode programarse a súa publicación para máis adiante. Estes chíos poden responderse, rechouchiarse e citarse por outros usuarios aínda que estes non estean subscritos a Twitter Blue.
O lanzamento desta funcionalidade resulta un tanto contraditoria, xa que Twitter tamén está a traballar en compartir os ingresos publicitarios xerados polos chíos dos subscritores de Twitter Blue, e as mensaxes longas reducen as posibilidade de inserir anuncios, polo que parece bastante probable que a prestación vaia quedar relegada a casos moi puntuais, mentres que no resto os creadores busquen formatos que acaden un maior nivel de interaccións.