Twitter limita os métodos de autenticación de dous factores

venres, 17 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Dende Twitter parecen desesperados por buscar fórmulas para levar aos seus usuarios a pagar por unha subscrición a Twitter Blue, e o último cambio anunciado afecta á seguridade, pois anuncian que o uso de mensaxes de texto para a autenticación de dous factores pasa a ser exclusivo de subscritores de pagamento, de xeito que os usuarios de balde, se queren empregar a autenticación de dous factores (ferramenta máis que recomendable para protexer unha conta de roubos) terán que empregar una aplicación de autenticación ou unha chave de seguridade (métodos pouco coñecidos, aínda que máis seguros).
Os usuarios que non paguen por Twitter Blue e estean a utilizar a autenticación de dous factores mediante SMS non poderán utilizar este método de verificación a partir do 20 de marzo, e ínstanos a utilizar algún dos sistemas de verificación alternativos.
O máis curioso deste cambio de política por parte de Twitter, que claramente responde a motivos económicos, é que a compañía argumenta que se producían abusos coa verificación a través de números de teléfono, o que podería ser certo, pero o feito de que tal xustificación non se aplique a subscritores de Twitter Blue réstalle toda a súa credibilidade.