Twitter non reacciona ante os calotes na súa plataforma

luns, 20 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Que dende a entrada de Elon Musk en Twitter a plataforma funciona moito peor non é ningunha sorpresa, pero a situación non se limita a problemas técnicos constantes e á permisividade con discursos de odio, senón que incluso expoñen aos usuarios a calotes a través de contas relevantes roubadas, con total pasividade por parte de Twitter pese a recibir unha enorme cantidade de avisos e denuncias.
Estes días está a conseguir certa visibilidade un dos calotes máis destacados, nos que un par de celebridades con contas verificadas (o televisivo Jase Robertson e o xornalista David Dayen) foron vítimas do roubo da súa conta para, acto seguido, ver como se publicaba nas mesmas anuncios ofrecendo ordenadores portátiles a prezo moi reducido, camuflando a estafa dunha campaña benéfica, para así enganar aos seareiros das contas para que pagasen 600 dólares sen recibir nada a cambio (e sen posibilidades de reclamar).
Non falamos de casos illados, senón de só un par de exemplos, que nesta ocasión mantiveron os enganos durante bastantes días, recibindo Twitter aviso dos donos lexítimos das contas, dos seareiros e tamén de usuarios estafados, sen que nin sequera bloqueasen os calotes até que o caso chegou á prensa.
Resulta especialmente rechamante o caso de David Dayen, quen leva varios días chiando dende unha conta secundaria, e advertindo das estafas que están a realizar dende a súa conta principal, ante a pasividade do cada vez máis ausente equipo de soporte de Twitter. Dayen non só dá pistas sobre quen está detrás do engano e asegura ter denunciado a situación ante as autoridades competentes, senón que tamén denuncia a neglixencia de Twitter, que non só aínda non restituíu a súa conta, senón que tardou máis de 5 días en bloquear as estafas dende a conta roubada.
Este mesmo calote realizouse tamén a través dunha conta de apoio a Bernie Sanders e incluso dende a conta da actriz Anya Taylor Joy e do actor Jonathan Frakes, deixando claro que a falta de persoal en Twitter está a afectar seriamente á seguridade da plataforma.
De feito, os medios de comunicación non poden obter unha resposta sobre o tema por parte de Twitter, xa que todos os correos electrónicos que recibe o seu departamento de comunicación están a recibir como resposta automática unha emoticona dunha merda, deixando claro que xa non hai traballadores no departamento e que Musk segue a ter un comportamento sumamente infantil e irresponsable.

PUBLICIDADE