USC e UVigo desenvolven un xogo xacobeo para mellorar a aprendizaxe da fonética inglesa
mércores, 13 de xullo do 2022
Persoal
investigador da USC e da UVigo acaban de desenvolver un xogo serio
ambientando no Camiño de Santiago que facilita aos seus
potenciais participantes mellorar a aprendizaxe da fonética e
pronuncia da lingua inglesa. Segundo informaron as dúas entidades
académicas, o traballo contou coa colaboración de profesionais de
moi distintas áreas, por exemplo a agrupación musical Luar na Lubre
que, de xeito altruísta, cedeu cortes da súa obra Vieiras e
vieiros: historias de peregrinos como banda sonora. Do mesmo
xeito, contouse coa colaboración desinteresada do grupo Resonet.
O
proxecto ten o obxectivo engadido de mellorar a comprensión da dita
lingua a través dos seus acentos e as súas correspondencias entre
conceptos, imaxes, sons, grafías e símbolos fonéticos. Ao mesmo
tempo, achega coñecemento sobre o Camiño. Poderá usarse nas aulas
en dispositivos móbiles e tamén como material aberto ao público en
xeral.
Coordinado
pola catedrática da USC, Mª de los Ángeles Gómez, e polo profesor
da UVigo, Alfonso Lago, este traballo é un dos resultados dun
proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia,
Innovación y Universidades (na modalidade de Proyectos de I+D+i
Retos de Investigación 2019), no que tamén participaron o estudante
da UVigo Ánxel Fragueiro, así como investigadores da Universidad
Internacional de La Rioja (UNIR), a UNED, a Universidad de Málaga e
o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O proxecto conta
coa colaboración do University College of London (Speech Hearing and
Phonetic Siences Dept), e tamén de Arasaac (Centro Aragonés para la
Comunicación Aumentativa y Alternativa).
Este
xogo serio está constituído por 34 etapas do Camiño Francés,
dende Sant Jean Pied du Port ata Santiago de Compostela. Para avanzar
polo Camiño é necesario que cada xogador ou xogadora afronte os
retos que lle permitan alcanzar as competencias de percepción,
produción e transcrición no ámbito da fonética e pronuncia
inglesas. Nos retos os usuarios terán a axuda de peregrinas e
peregrinos que fixeron o camiño, ben no pasado ou no presente,
incluíndo participantes na campaña Las Estrellas del Camino,
que accederon a participar e aparecen ao longo do xogo a medida que
se percorre o Camiño Francés, ademais dunha avatar ficticia,
Patience, que lle servirá de guía dos contidos.
A
presentación do xogo tivo lugar na Facultade de Filoloxía da USC
coincidindo coa celebración da sexta edición do Taller
Internacional da análise do discurso de Santiago de Compostela,
IWODA 22, unha cita na que participaron 22 relatores/as e máis de
200 asistentes de institucións educativas de 23 países baixo o lema
Tecnoloxías Dixitais e Gaming: Implicacións e Aplicacións para
o uso da lingua, a ensinanza e a aprendizaxe.
