Un informe reflicte que a tecnoloxía nas empresas está a gañar transversalidade
mércores, 19 de outubro do 2011
O
Financial Times dá conta cun informe recente de Booz & Co, unha empresa
de consultoría que estima que a media de idade dos xerentes das empresas é de
51 anos, ou sexa, que moitos terían medrado xa con ordenadores nas súas vidas,
de aí que cada vez precisen de máis coñecemento sobre as TIC nas súas
compañías, desbotando a estrutura tradicional na que o departamento tecnolóxico
estaba totalmente separado e cun responsable de seu. Aseguran que os
responsables das empresas precisan entender as vantaxes que a tecnoloxía pode
achegar ás súas compañías, aínda que delegando as funcións máis concretas en
profesionais especializados.
Como exemplo aseguran que é preciso que entender os cambios que nos seus
modelos de negocio poden provocar as tecnoloxías móbiles e as redes sociais,
pois teñen repercusións decisivas na toma de decisións. Incluso o feito de non
adoptar solucións de business inteligence
pode supor unha ameaza para a súa compañía, como tamén o faría deixar tal
funcionalidade aos departamentos de tecnoloxía, xa que as ferramentas que
contribúen a levar as rendas dos negocios deberían estar nas mans dos seus directivos.
Tamén aseguran que os servizos baseados na nube tamén están a alixeirar a carga
de traballo dos responsables tecnolóxicos das empresas, que poden así centrar o
seu traballo na definición de obxectivos máis estratéxicos e en atopar
oportunidades de crecemento. Teriamos así que a figura do Chief Information
Officer (CIO) estaría a migrar do departamento de informática a postos máis
corporativos, de xeito que incluso xa non se esixiría que os CIO tivesen
formación en Enxeñaría Informática, optando por profesionais con experiencia na
optimización de procesos, nun momento no que as tecnoloxías contribúen en
grande medida a mudar os xeitos de traballar. En definitiva, que o importante é
a información, e non a tecnoloxía que a sostén.