Un investigador da UVigo, elixido para participar no Imagine Creativity Center de Silicon Valley

venres, 19 de xuño do 2015 Redacción

De poñérmonos na pel dun enxeñeiro da innovación, o noso soño sería viaxar a Silicon Valley, o miolo tecnolóxico dos Estados Unidos e participar no Imagine Creativity Center, un centro de creatividade que cada verán abre as súas portas a 12 persoas con talento que terán a oportunidade de recibir formación empresarial especializada en emprendedurismo, coñecer aos mentores e visitar compañías da talla de Google e incorporarse ao desenvolvemento dun proxecto empresarial real. Desta volta o soño fíxose realidade para Franco Pérez Lissi, investigador da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, un dos 12 mozos e mozas procedentes do ámbito estatal seleccionados entre máis de 1000 candidatos para participar na edición 2015 do Imagine Creativity Center.
O xeito de chegar a ser elixido neste programa que o levará a San Francisco (onde ten a súa sede o Imagine Creativity Center) non foi doado, pero na súa candidatura xogaron algúns factores a favor. O principal foi un vídeo de presentación que gravou e editou coa súa moza, Lucía, cando estaba a piques de rematar o prazo para enviar candidaturas. Elixiron como escenario as praias e os montes da zona do Barbanza, “absolutamente abraiantes”, e nel contaron a historia da súa vida, a que se adica na actualidade e cales son as súas afeccións, centrándose moito nun deporte, o surf, “un elemento diferenciador co que deixar claro que non todo o mundo que se adica ás novas tecnoloxías ten que ser un ‘geek’ que non sae do laboratorio ou da oficina”. Outra baza coa que xogou Pérez Lissi, foi o o feito de ter participado no Imagine Express 2015.
O investigador elixido estará en San Francisco todo o mes de xullo, unha estancia de traballo na que terá a oportunidade de participar en todo o proceso creativo, de deseño, prototipado e presentación dun proxecto empresarial real. Recibirá formación académica da prestixiosa Universidade de Stanford e terá a oportunidade de visitar empresas como Google, Facebook, HP, Whatsapp, Wikipedia, NASA... non só para coñecer as súas instalacións, senón tamén para falar con altos cargos e aprender das súas metodoloxías de traballo.
Os 12 emprendedores elixidos forman catro grupos de tres persoas e a cada equipo asígnaselles un proxecto patrocinado por unha empresa, que no caso do investigador vigués é o grupo Agbar, a Sociedade Xeral de Augas de Barcelona, que proporciona os seus activos para que os investigadores deseñen un proxecto que axude a ofrecerlle á cidadanía novos servizos de índole tecnolóxica.

PUBLICIDADE