Un par de campamentos de verán buscan fomentar as vocacións tecnolóxicas

venres, 7 de setembro do 2018 Redacción

Mar Pereira Álvarez, directora da AMTEGA , e Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, visitaron hoxe no albergue xuvenil de Gandarío aos 40 mozos e mozas de 13 e 14 anos que están a participar nos campamentos que a Consellería de Política Social puxo en marcha este ano por primeira vez en colaboración coa AMTEGA para espertar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
O obxectivo último destas actividades ao abeiro Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent 2020) é o de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.
Desde o día 1 e ata o vindeiro sábado 8 estanse a desenvolver os campamentos Vídeo Mapping: fai visible o que levas dentro e A vista de paxaro. Primeiros pasos con drons.
O campamento de Video Mapping conta con 20 participantes que están a vivir unha experiencia de achegamento á composición de vídeos para representacións nocturnas sobre edificios; poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con proxeccións nocturnas no propio albergue.
Outros 20 mozos e mozas poderán coñecer os principios necesarios na tecnoloxía de drons, e mediante o emprego de ferramentas informáticas e manipulación de drons adaptados á súa idade, serán quen de comprobar os seus coñecementos e experimentar coas enormes posibilidades da tecnoloxía dos drons.
Ademais destes campamentos en colaboración coa Consellería de Política Social, a AMTEGA xunto coa CPEIG está a realizar obradoiros sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos nas Aulas CeMIT da Comunidade. Máis de 600 rapaces e rapazas de toda Galicia están a participar nun total de 57 actividades que comezaron en xullo e rematarán o 22 deste mes.

PUBLICIDADE