Un programa que é quen de extraer a esencia dos rostros axudaría á identificación de persoas
mércores, 12 de setembro do 2007
Para os
que crían que os ordenadores poden recoñecer faces e identificar a sospeitosos
como acontece nas películas, un investigador da Universidade de Glasgow vailles
explicar que iso non acontece na realidade e que para os computadores non é tan
doado facer comparacións de rostros con diferentes expresións como se pode
pensar. Segundo os estudos do doutor Rob Jenkins, as máquinas teñen
tantos ou máis problemas para asociar rostros cás persoas, e tanto e así que o investigador
está a desenvolver unha tecnoloxía que axudaría ás máquinas a “extraer a
esencia” dunha faciana para establecer as liñas comúns das múltiples expresións
e outras variables e ligar relacións de xeito eficaz, algo que segundo explica
non sucede a día hoxe.
Segundo
un artigo
da BBC, as máquinas non recoñecen unha face se as expresións varían, e é por
este motivo que o devandito investigador está a desenvolver un sistema que
permitiría ós ordenadores establecer un “patrón estandarizado” dos rostros
mediante o análises comparativo de moitas imaxes dunha mesma persoa. Para este
fin, a máquina precisa dun mínimo de 12 fotos, para poder establecer o dito
patrón e “desfacerse de información
inútil coa iluminación, a expresión e a pose, conservando aquela que se mantén
dunha foto a outra”.
Este novo sistema ten o obxectivo de mellorar a eficacia de métodos de seguridade como as cámaras de vixilancia, pero tamén podería ser empregado nun futuro para asociar ás persoas coas fotos dos rexistros, como as do DNI ou outros documentos.