Un vídeo caseiro trunfa no YouTube

mércores, 27 de decembro do 2006 Raquel Noya

Imaxe do vídeo no que se ironiza co uso do retrete coma mesa de ordenador

Con medios caseiros e cun gran despilfarro de imaxinación e sarcasmo, o mozo valenciano Toni A. Martínez, de 20 anos, compuxo Piso de 30 metros, unha feroz crítica social a ritmo dance que xa leva preto de 40.000 descargas dende que se subiu en outubro ó YouTube e que vai camiño de converterse nun fenómeno musical semellante ó que foi Amo a Laura ou a canción do Koala o verán pasado.
O tema chega xusto a finais do 2006, un ano marcado polos movementos en prol do dereito a unha vivenda digna e pola loita contra a especulación urbanística e describe dun xeito moi divertido (pero cunha ironía fulminante) as supostas vantaxes de vivir nunha casa de reducidas dimensións, aclarando que non debe ser unha alternativa tan mala cando o goberno xa barallou a posibilidade de crear estes mal chamados mini-pisos, nos que as visitas teñen que entrar por turnos e os mobles brillan pola súa ausencia.
Non é de estrañar que as críticas a esta iniciativa do goberno chegaran de xeito xeneralizado dende tódalas cidades de España pero sen dúbida, a crítica por excelencia foi este vídeo, que aínda que foi editado de forma doméstica, pecha o ano arrasando en Internet.