Unayta lidera un proxecto pioneiro para dixitalizar todas as estradas de Galicia
mércores, 22 de xaneiro do 2025
Unayta, consultora tecnolóxica emprazada en Milladoiro (Ames), lidera un importante proxecto de dixitalización da documentación sobre a rede viaria galega. Faino en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas. Trátase, en palabras de Unayta, dunha iniciativa pioneira no seu ámbito que transformará e optimizar por completo a xestión documental das estradas da nosa terra.
Por encargo da Axencia Galega de Infraestruturas, UNAYTA leva seis meses dixitalizando millóns de planos e expedientes da rede viaria autonómica. O seu obxectivo é “converter toda a documentación física en arquivos dixitais sinxelos e accesíbeis para toda a cidadanía”, explican fontes da empresa galega, engadindo que “estas actuacións pioneiras, que implican o uso de tecnoloxías innovadoras, están marcando un antes e despois na transformación dixital de Galicia”.
En termos máis concretos, o proxecto consiste na xeorreferenciación e dixitalización do inmenso arquivo público de expedientes sobre as estradas galegas, que conteñen diversas informacións técnicas (coordenadas xeográficas, referencias catastrais, actuacións realizadas, etc). A previsión é que, unha vez rematado, tanto os funcionarios públicos como calquera cidadán, poidan consultar en tempo real todo tipo de información relacionada coas estradas.
No plano da sustentabilidade, Unayta destaca que esta iniciativa “implicará un aforro enerxético importante, xa que evita o uso do papel e materiais derivados”.
Ata o momento, a empresa xa dixitalizou máis de 180.000 expedientes, procesou 3,3 millóns de imaxes e indexou 1,3 millóns de documentos. “O encargo avanza a bo ritmo”, explican dende Unayta, sinalando que a previsión é lograr máis fitos nos vindeiros meses.
Con sede no Milladoiro (A Coruña), a firma conta cunha ampla experiencia en transformación dixital para administracións públicas, empresas privadas e organizacións do terceiro sector. Destaca en proxectos de dixitalización masiva, robotización de procesos e implantación de sistemas de xestión documental, entre outros. Esta colaboración innovadora coa Axencia Galega de Infraestruturas reafirma o seu compromiso coa oficina sen papel e a modernización sostíbel.