Unha Cátedra de Patrimonio Cultural Dixital permitirá a unhas trinta universidades participar nun máster interuniversitario
xoves, 9 de marzo do 2023
A Xunta de
Galicia, a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos
do Suroeste Europeo (CRUSOE) e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron
hoxe en Santiago de Compostela a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural
Dixital, tras a constitución da comisión de seguimento do convenio de
colaboración asinado por representantes das tres institucións.
No acto
participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta
de Galicia, Román Rodríguez; o director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o reitor da Universidade de Santiago de
Compostela e secretario xeral de CRUSOE, Antonio López, e o responsable global
de Sector Público de NTT DATA, Óscar Abril.
O titular de
Cultura da Xunta salientou a importancia da posta en marcha desta cátedra por
promover “a investigación de vangarda a través de cuantificación, medida e
valoración do patrimonio cultural dixital galego e fomentar a formación en
nivel de posgrao”. Destacou, ademais, que a súa vinculación co Centro de
Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas, situado no Edificio
Fontán na Cidade da Cultura “reforzará o seu papel como centro xerador de
coñecemento e impulso do patrimonio material e inmaterial”.
Pola súa parte, o
director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián
Cerviño, destacou que esta iniciativa súmase a outras actuacións da Xunta neste
ámbito como o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas
instalacións da Cidade da Cultura, para dixitalizar documentos e recursos e
impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o
turismo cultural; Galiciana, con máis de 5 millóns de obxectos dixitalizados,
ou Galicia Nomeada, que difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 500.000
topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá.
Entre os
obxectivos inmediatos da Cátedra atópase a creación dun Máster
Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital no que participarán cerca de
30 universidades europeas. Esta iniciativa permitirá desenvolver un programa de
mobilidade do alumnado entre diferentes estudos e universidades; crear un
programa Erasmus Mundus para a cooperación e mobilidade internacional; poñer en
marcha un Doutorado Europeo en Patrimonio Cultural Dixital; así como un premio
para traballos de fin de mestrado.
Entre as accións
en marcha atópase tamén unha iniciativa de colaboración coas rexións alemáns de
Saxonia e Turinxia para o apoio de proxectos interrexionais; un acordo de
colaboración coa Axencia de Cooperación de México e o Reitorado da UNAM; ou a
participación na convocatoria de Ecosistemas Europeos de Innovación do Consello
Europeo de Innovación e a Axencia Executiva para a Pequena e Mediana Empresa da
Comisión Europea (EISMEA).
4 accións preliminares
Ao longo de 2022,
o Grupo de traballo de Patrimonio Cultural Dixital de CRUSOE levou a cabo catro
accións específicas centradas en Galicia e coordinadas pola Universidade de
Santiago de Compostela. O 22 de abril de 2022 celebrouse unha xornada
interuniversitaria sobre “Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades
no Sistema Ciencia e Tecnoloxía, que contou con responsables e investigadores
das tres universidades públicas galegas.
Tamén en 2022,
convocáronse cinco grupos de traballo e, en colaboración coa consellería de
Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levouse a cabo
unha consulta previa ao mercado. O resultado foi a identificación na nosa
Comunidade de 35 propostas válidas xeradas por diferentes consorcios
público-privado por un importe agregado total de 58 millóns de euros.
Por último,
desenvolveuse unha acción piloto sobre turismo cultural intelixente e virtual
da dirección xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.
