Unha aplicación deportiva facilita a identificación de bases militares

luns, 29 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A aplicación de rexistro da actividade física Strava, que mediante GPS consegue indicar por onde practican exercicio os seus usuarios, publicou hai uns meses un mapa de calor no que poden verse os traxectos percorridos sobre o mapa, o que a priori non debería supor unha invasión da privacidade dos usuarios nin nada semellante, pero que segundo un membro da Instituto para Analistas de Conflictos Unidos (IUCA), Nathan Ruser, podería facilitar a identificación e o mapeado de bases militares dos EE.UU.
A práctica deportiva dos soldados sería a que permitiría, por exemplo, localizar bases en Afganistán, e tamén en España, xa que a base de Rota e a de Viator serían identificables pese a que a de Viator está censurada nos mapas de Google. É bastante habitual que os sistemas de imaxe por satélite amosen edificios e estradas que as autoridades queren manter ocultas por seguridade, pero no caso de mapas como o de Strava a información que se achega é diferente, xa que presenta como se move a xente nesas áreas, o que pode ser unha maior ameaza para a seguridade.
Aínda que non sería sorprendente que solicitasen a Strava a censura da información publicada, este tipo de incidente debería espertar consciencia sobre a subministración de datos a terceiros que facemos a través de numerosos dispositivos e servizos, e no caso de gobernos e organismos militares está nas súas mans decidir os que son os posibles puntos febles da súa seguridade, e as políticas que deben adoptar no uso de dispositivos electrónicos.

PUBLICIDADE