Unha das cámaras oficiais para Nintendo Switch 2 ten unha resolución de só 0,3 Mpíxeles

mércores, 9 de abril do 2025 Marcus Fernández

Tras a presentación o oficial da Nintendo Switch 2, e á espera da súa chegada ás tendas, imos vendo detalles sobre a nova consola que van máis aló dos seus polémicos prezos, e que tamén están a dar que falar, como é o feito de que as cámaras USB-C deseñadas para a consola teñan unhas características técnicas un tanto rechamantes.
Se ben, a cámara oficial para a Nintendo Switch 2 sexa un produto bastante tradicional a nivel de deseño e prestacións, non deixa de se runha webcam moi básica, cunha resolución Full HD e un deseño que busca facilitar as súa colocación sobre superficies como pode ser a mesa onde se apoia o televisor ao que conectemos a consola, en vez de apostar polo formato máis habitual nas webcams informáticas (que buscan colocarse sobre as pantallas cunha especie de pinza).
O prezo de 59,99 euros desta cámara web dá a entender que estamos ante un produto bastante básico, pero o feito de que Nintendo estea a amosar na súa tenda en liña outra cámara oficial con forma de planta piraña a só 39,99 euros debería disparar todas as alarmas. Que unha cámara cun deseño máis coidado e acorde a Nintendo teña un prezo máis económico que unha cámara ordinaria debería facernos buscar rapidamente a letra pequena, e resulta que este produto do fabricante de accesorios Hori agocha un detalle que debería facer fuxir a calquera usuario: a súa resolución é de 640 x 480 píxeles, ou sexa, que en vez de ter un sensor de 2 Mpíxeles confórmase cunha cámara de só 0,3 Mpíxeles, que probablemente ofrecerá unha calidade de imaxe lamentable (especialmente en contornos con pouca luz).
Pór á venda en 2025 unha cámara que capta vídeo a 480p é toda unha sorpresa, de aí que en foros comenten non só que unha cámara con tal resolución debería ser ilegal na actualidade, chegando incluso a preguntarse como consegue dende Hori os compoñentes para fabricar unha cámara que por resolución sería o equivalente á PlayStation Eye de PS3. Ten sentido lanzar hoxe unha cámara que parece estar fabricada hai 18 anos?