Unha demanda colectiva esixe a Sony compensación polo seu abuso de posición dominante en PlayStation

luns, 2 de marzo do 2026 Redacción

Sony enfróntase a unha demanda colectiva no Reino Unido por valor de case 2.000 millóns de libras (2.293 millóns de euros) por suposto abuso de posición dominante na distribución dixital de xogos e contidos para PlayStation. A acción legal sostén que a compañía cobrou prezos excesivos aos seus clientes británicos a través da PlayStation Store.
A demanda, presentada en representación duns 12,2 millóns de usuarios, argumenta que Sony «ocupa unha posición dominante en relación coa distribución dixital de xogos de PlayStation e contidos dentro do xogo» e que «cobrou inxustamente aos seus clientes do Reino Unido prezos excesivos por xogos dixitais e contidos adicionais adquiridos a través da PlayStation Store». Segundo os promotores da acción, a empresa mantería un «case monopolio» sobre a venda de xogos e complementos dixitais no seu ecosistema, o que lle permitiría fixar prezos e aplicar unha comisión do 30 % sobre as transaccións.
O procedemento abrangue todas aquelas persoas no Reino Unido que posuíron unha consola PlayStation e adquiriron xogos en formato dixital ou realizaron compras dentro dos xogos na tenda oficial entre o 19 de agosto de 2016 e o 12 de febreiro de 2026. Trátase dunha demanda do tipo opt-out, polo que os afectados que cumpran os requisitos quedan incluídos automaticamente, sen necesidade de realizar ningún trámite. De prosperar a reclamación, cada usuario podería recibir arredor de 162 libras (186 euros).
Pola súa banda, Sony defendeu que permitir descargas desde tendas de terceiros podería xerar riscos en materia de seguridade e privacidade. Ademais, sostén que a comisión aplicada ás vendas dixitais compensa as marxes reducidas coa que comercializa as súas consolas.