Unha empresa de Santiago, gañadora da aceleradora de proxectos TIC Fiware Finodex

martes, 19 de xaneiro do 2016 Redacción

O equipo de Linknnovate

A empresa Linknovate, emprazada en Santiago de Compostela, vén de resultar gañadora da primeira convocatoria da aceleradora de proxectos TIC Fiware Finodex, financiada pola Comisión Europea. Ao seu carón, outras dúas empresas (Geezar de Zaragoza e Xpressomics, situada en Estonia), foron seleccionadas. Segundo fan saber dende a aceleradora, estas organizacións superaron catro fases nas que competiron un total de 196 proxectos. Cada unha das finalistas recibiu financiamento entre os 115.000 e os 170.000 euros para pór en marcha as súas iniciativas de mercado. Por certo que en YouTube podemos ver xa un vídeo sobre as achegas de Linknovate. Tamén se fornece unha entrevista cos impulsores da firma compostelá.
Como lembraremos, Finodex é unha das 16 aceleradoras financiadas pola Comisión Europea para apoiar aqueles proxectos de PEME e emprendedores baseados en datos abertos e en tecnoloxías Fiware, co obxectivo de xerar novos produtos e servizos tecnolóxico-dixitais. A devandita palestra de iniciativas, liderada por Zabala Innovation Consulting, está integrada nun consorcio formado por outros 6 socios europeos. A través de dúas convocatorias, Finodex escolleu xa máis dun centenar de propostas innovadoras, subministrando a cada unha delas entre 10.000 e 170.000 euros de financiamento. En total, vanse a investir 4,64 millóns de euros en apoiar os proxectos seleccionados.
Como dixemos, o primeiro posto da convocatoria foi para Linknovate, o que lle serve á firma galega para obter 170.000 euros en apoio orzamentario. Linknovate Innovation Search Engine é unha tecnoloxía de intelixencia competitiva, baseada nun motor de procura que axuda aos equipos de fabricación e de I+D nas empresas a atopar tecnoloxías e socios. O segundo posto (135.000 euros) foi para Xpressomics. O seu proxecto consiste nun buscador de información xenética dirixido á industria de farmacéutica e os investigadores médicos. O terceiro foi para Geezar, co seu proxecto Fruitwatcher. Consiste nun dispositivo que fai seguimento nos camións de froita do nivel de humidade, temperatura e localización para verificar que a mercancía chega a destino en óptimas condicións. En total os seus responsables levan 115.000 euros.