Unha empresa española desenvolve a tecnoloxía de navegación para a Lúa

venres, 9 de maio do 2025 Redacción

A multinacional tecnolóxica de orixe española GMV presentou esta semana en La Oliva (Fuerteventura) o proxecto LUPIN (Enabling High-Performance PNT in the Lunar Environment), unha innovadora iniciativa da Axencia Espacial Europea (ESA) destinada a desenvolver un sistema de navegación para a superficie lunar semellante ao GPS terrestre. O sistema, que permitirá a localización precisa de róveres e astronautas, aspira a converterse nunha ferramenta equiparable a Google Maps para misións espaciais.
O proxecto insírese no marco do Programa de Innovación e Apoio á Navegación (NAVISP) da ESA e ten como obxectivo validar un prototipo capaz de procesar sinais simulados do futuro Lunar Communication Navigation System (LCNS), unha infraestrutura orbital de navegación e comunicación arredor da Lúa. As probas de campo, realizadas entre o 27 de abril e o 8 de maio en Fuerteventura, consistiron na simulación de condicións reais da superficie lunar, incluídas situacións de iluminación extrema ou escuridade total.
A directora de estratexia e negocio espacial de GMV, Mariella Graziano, e o responsable do proxecto, Steven Kay, destacaron que se recolleron máis de 7 km de datos a velocidades que oscilaron entre 0,2 e 1 m/s. Graziano subliñou que «en GMV empuxamos os límites da tecnoloxía para facer que o futuro se converta en presente». Kay, pola súa banda, apuntou que se simularon diversas condicións topográficas e de iluminación, incluíndo probas nocturnas co róver iluminado unicamente polos seus propios focos.
A navegación lunar actual enfróntase a importantes limitacións: a ausencia de satélites de posicionamento como os da rede GPS obriga ás misións a depender de sistemas inerciais, sensores ópticos e mapas dixitais incompletos. A toma de decisións en tempo real vese dificultada pola dependencia de comunicación directa coa Terra ou de satélites de retransmisión, o que provoca latencias significativas e zonas sen cobertura.
O sistema LUPIN pretende paliar estas carencias coa creación dunha infraestrutura autónoma de navegación lunar, permitindo rutas máis rápidas, precisas e eficientes. Reducirá a carga computacional dos róveres e, en consecuencia, as súas limitacións operativas, abrindo a porta a misións máis ambiciosas tanto automáticas como tripuladas.