Unha investigación proba que os anuncios de Facebook non son realmente efectivos
luns, 16 de xullo do 2012
Coa finalidade de demostrar que os anuncios da rede social creada por Mark
Zuckerberg non son tan efectivos como as firmas anunciantes cren, a BBC vén de realizar unha
investigación para probar a súa efectividade, demostrando que “moitas compañías están gastando grandes
sumas económicas en darse a coñecer sen resultado”.
A proba consistiu en crear o perfil dunha empresa ficticia de nome Virtualbagel, dedicada á venda
de bolos de pan, que nas primeiras 24 horas acadou máis de 1.600 “Gústame”,
malia que na propia páxina de perfil non se recollían produtos da compañía
ficticia.
O 75% destes “Gústame” procedían de perfís de El Cairo (Exipto) e
Filipinas, a maioría deles falsos, dos cales se sospeita que son perfís
controlados por programas informáticos deseñados para distribuír correo lixo.
Perante as sospeitas desta investigación, Facebook afirma “non ver evidencias dunha ondeada masiva de “Gústame”
procedente de usuarios falsos ou de usuarios obsesivos”.
Non obstante, outras investigacións similares tamén indican que son moitos
os usuarios, supostamente falsos, que lle dan ao botón “Gústame” dende Exipto e Filipinas, e tamén se dá o caso de ser
usuarios de entre 13 e 17 anos.
Facebook deféndese das acusacións argumentando que “non ven evidencias de que sexa un problema significativo”. Neste senso
indican que tódalas compañías anunciantes teñen acceso ás análises de Facebook
que lle permiten ver as identidades da xente que gusta das súas páxinas.
Do que non falaron, iso si, foi de baixar as tarifas vixentes para esta
modalidade de publicidade indirecta.