Unha vintena de lucenses fórmanse no CEI Nodus no uso das TIC
martes, 14 de febreiro do 2023
A
alcaldesa
de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e
Emprego, Ana Abelleira, mantivo
un encontro cos 20 lucenses, de entre 26 e 68 anos, que están a
participar no obradoiro LugoSostible 5.0, posto en marcha polo
Executivo municipal e centrado principalmente nas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Trátase
da iniciativa coa que o Goberno
local
ofrece formación e experiencia profesional a persoas desempregadas
de Lugo. A rexedora explicou que “esta nova acción formativa está
orientada á creación de aplicacións e contidos enfocados na posta
en valor do patrimonio histórico da cidade, así como do patrimonio
cultural e natural do municipio”, ademais de aclarar que as áreas
nas que se centra o curso “constitúen un importante nicho de
mercado en continuo crecemento, polo que o obxectivo final é xerar
novos postos de traballo na cidade”.
Durante
a súa visita, Méndez entregou a cada alumno unha tableta
coa que facilitar os
labores de aprendizaxe. O obradoiro, que comezou o pasado mes de
setembro, terá unha duración dun ano e os alumnos están
retribuídos co salario mínimo interprofesional. Ademais, conta con
fondos europeos e ofrece tres especialidades formativas:
desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, desenvolvemento
de produtos audiovisuais multimedia interactivos, e xestión de
mercadotecnia
e relacións públicas. As accións propostas contemplan a obtención
do certificado de profesionalidade de Nivel 3 e os contidos son
impartidos de forma presencial nas instalacións do CEI Nodus.
