Vagalume desenvolve unha app para aforrar custes e enerxía en instalacións fotovoltaicas
xoves, 4 de xuño do 2020
O
grupo empresarial enerxético Vagalume
Energía vén de presentar a que sería, nas súas palabras, a
primeira aplicación online galega destinada a determinar o
custo e o aforro dunha instalación fotovoltaica para fogares e
empresas. Trátase dunha ferramenta que a través dun algoritmo
propio, e empregando a tecnoloxía de cartografía de Google Maps,
permite coñecer en “tan só dous minutos” o custo dunha
instalación fotovoltaica, o aforro enerxético xerado nun ano e o
tempo de amortización da instalación. Esta ferramenta foi
presentada por Vagalume Enerxía coincidindo co Día Mundial do Medio
Ambiente que se celebra este venres 5 de xuño. Ofrece operatividade
tanto dentro da nosa Comunidade como fóra dela.
Respecto
do seu funcionamento e das maneiras de tirarlle partido, só hai que
realizar catro pasos: definir o tipo de instalación en función de
se é, ou non, para un particular, empresa ou comunidade de veciños;
situar o enderezo en Google Maps; establecer a superficie do tellado
e a súa orientación; e, por último, fixar un prezo orientativo
sobre a súa factura da luz. En base a esta información, a
ferramenta calcula en poucos segundos o custo da instalación, o
aforro anual que se podería ter con ela e os anos de amortización
tendo en conta o aforro obtido.
“O
autoconsumo de enerxía solar é unha medida que non só respecta ao
medio ambiente, tamén é unha forma de aforro enerxético e
económico que beneficia ás familias a curto prazo”, explica
Vagalume, engadindo que “as instalacións fotovoltaicas son unha
alternativa cada vez máis demandada para abaratar a factura da luz
grazas ao autoconsumo”.
Día
Mundial do Medio Ambiente
Esta
ferramenta foi presentada por Vagalume Enerxía coincidindo co Día
Mundial do Medio Ambiente. Segundo Alejandro Díaz, conselleiro
delegado da compañía, “somos un grupo empresarial enerxético que
basea o 100% do seu negocio na eficiencia enerxética e a
implantación de enerxías renovábeis, e entre os nosos principais
obxectivos atópase o desenvolvemento dun modelo enerxético
sustentábel e respectuoso co medio ambiente”.