Varias novidades de Apple poderían tardar en chegar a Europa

venres, 21 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Cando presentou as vindeiras versións dos seus sistemas operativos e da súa intelixencia artificial, Apple indicou que moitas funcións chegarían con retraso aos consumidores, especialmente no que respecta á IA, que inicialmente só funcionaría en probas en inglés de EE.UU., pero a cousa podería ser bastante peor do esperado se atendemos á información publicada por Bloomberg, medio que asegura que a Unión Europea non estarían dispoñibles varias das novidades anunciadas debido a temores por parte de Apple sobre se as novidades respectarían a Lei de Mercados Dixitais.
Aínda que xa se sabía que Apple Intelligence chegaría a Europa con bastante retraso, agora apuntan tamén que o control do iPhone dende macOS e a función de compartir pantalla a través de SharePlay serían tamén funcións que non estarían dispoñibles no territorio europeo.
The Financial Times afonda no asunto matizando que Apple tería problemas para facer que as novas funcións cumprisen as condicións de interoperabilidade que esixe a Unión Europea, e dan por feito que as funcións mencionadas non chegarían a Europea antes de rematar o presente ano.

PUBLICIDADE