Verónica Bolón (CITIC) lidera un proxecto de algoritmos verdes para afrontar os nosos retos ambientais

mércores, 8 de febreiro do 2023 S. P.

A investigación en feminino ten un destacado papel no CITIC da UDC. Máis do 30% do persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións son mulleres, unha porcentaxe por riba da media no sector TIC, no que o emprego feminino ronda o 20% e no que as estudantes de Enxeñaría Informática non supera o 15%. Un dos exemplos é o de Verónica Bolón, especialista en Intelixencia Artificial (IA), que traballa hoxe nos algoritmos verdes. Trátase dunha liña de estudo pioneira en Galicia e centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en IA que dean resposta aos desafíos medioambientais máis urxentes.
“O noso obxectivo”, explica a investigadora do CITIC, “é aplicar algoritmos verdes, ademais de intelixentes, tanto desde o punto de vista do seu deseño como desde a busca de respostas a retos medioambientais concretos, a eidos como o da eficiencia enerxética e de recursos, a descarbonización ou a economía circular”.
Segundo engade, a Intelixencia Artificial proporciona unha mellor análise da información e da toma de decisións, o que se traduce nun mellor seguimento das tendencias e impactos sobre o medio ambiente, axudando, por exemplo, a reducir o consumo de enerxía e de recursos ou a promover a descarbonización. Sen embargo, a pesar do gran potencial da IA para dar solucións a estes retos, non hai que perder de vista as ameazas que supón, como o elevado custo enerxético que pode significar a súa construción e a preocupación por cuestións como o potencial consumo eléctrico, que demandarán as TIC no 2030 e outras ferramentas asociadas á cadea de bloques, a chamada blockchain. “Neste contexto”, indica a investigadora, “os algoritmos verdes, estreitamente relacionados con conceptos como as Cidades Intelixentes ou a Computación na Nube, estarán dirixidos a mellorar a sustentabilidade e a que as emisións de carbono de Internet, e en particular da IA, sexan o máis baixas posíbel”, aclara Verónica Bolón.
En sintonía coa AESIA
O Plan Nacional de Algoritmos Verdes forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Axenda España Dixital 2026 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento da IA, sentando así as bases para a creación dun ecosistema de excelencia que alberga a investigación científica e a innovación, o desenvolvemento de competencias e talento, a despregadura de plataformas de datos e infraestruturas tecnolóxicas, a súa integración no tecido económico, o fomento do seu uso no sector público e o establecemento dun marco ético e normativo.
A este respecto, o obxectivo principal da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, é a regulación dos aspectos éticos relacionados co uso da IA en diferentes sectores. “O noso proxecto”, apunta Verónica Bolón do CITIC, “casa perfectamente coas directrices da Axencia ó procurar que a IA sexa o menos agresiva posíbel co seu contorno”, un dos propósitos do organismo de control en relación co aproveitamento responsábel da IA.

PUBLICIDADE