Verónica Bolón, nova académica da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España

xoves, 10 de novembro do 2022 S. P.

A profesora da Facultade de Informática da UDC e investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) emprazado no Campus de Elviña, Verónica Bolón Canedo (Carballo, 1984), vén de ser nomeada nova académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. A tecnóloga galega recibiu recentemente o Premio DonaTIC que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña, e previamente, en 2018, recibiu unha Bolsa Leonardo (galardón que entrega a Fundación BBVA co obxectivo de apoiar proxectos de investigación que sexan exemplos de produción altamente innovadora).
Verónica Bolón é enxeñeira Informática, con diploma en Estudos Avanzados e doutora en Computación, con premio extraordinario de doutoramento, pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora titular no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC.
A súa investigación céntrase en métodos de aprendizaxe máquina dentro do eido da Intelixencia Artificial (IA), resultando dela un número moi importante de publicacións indexadas (45 artigos en revistas do JCR e máis de 50 artigos en congresos), así como a autoría de dous libros completos, un libro editado e varios capítulos de libro. Segundo explican fontes da UDC, trátase de investigacións “altamente citadas” e cunha clara aplicación social, tanto no ámbito médico (diagnóstico de retinopatía do prematuro, diagnóstico de síndrome do ollo seco, detección de trastornos auditivos, diagnóstico de insuficiencia cardíaca, detección de complexos K en apnea do soño), como en problemas de enxeñería (detección de derrames de petróleo no mar), ou no ámbito da educación (corrección automática de exames).
Bolón é revisora de revistas prestixiosas, membro de comités científicos e editoriais, e participou como avaliadora experta de proxectos nacionais e internacionais, incluíndo do European Research Council. Ademais de ser investigadora principal dun proxecto competitivo nacional, participou como investigadora en cinco proxectos competitivos nacionais, dez autonómicos, un proxecto europeo e cinco redes.
Dirixiu 15 traballos de fin de grao e proxectos fin de carreira, 13 proxectos de fin de mestrado e dúas teses de doutoramento (actualmente dirixe oito).
Tamén en 2020 foi seleccionada como académica de número da Academia Nova de España como recoñecemento á súa excelente traxectoria científica e profesional.
Destaca o seu compromiso co fomento da vocación científico tecnolóxica entre as nenas, coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM e participando en numerosas actividades de divulgación.

PUBLICIDADE